Nova inxección de 23 millóns para reactivar a cultura galega

Un lanzamento de liñas de apoio aos profesionais permitirá que preserven o emprego// Destácase a activación de iniciativas para captar fondos europeos
María Abascal
Román Rodríguez mantivo unha reunión de traballo cos presidentes do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes. Foto: XdG

Unha reunión de traballo mantivo onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cos presidentes do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, e da Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba), Manuel Quintana Martelo, onde avanzou que o Executivo autonómico ampliará o alcance do Plan de Reactivación da Cultura cunha nova inxección de 23 millóns de euros neste primeiro trimestre.

A reunión celebrada na Cidade da Cultura, onde o conselleiro estivo acompañado polo seu equipo, serviu para poñer en común coas principais institucións culturais o contexto actual e escoitar as súas reflexións e propostas. Estes encontros forman parte de actividade cotiá dos diferentes cargos da Consellería e terán continuidade nos vindeiros días, nos que están previstas reunións con distintos axentes sectoriais.

Como explicou, os resultados das políticas e investimentos realizados polo Goberno autonómico desde que comezou a pandemia no eido cultural constátanse, afirmou, nas 4.500 iniciativas culturais postas en marcha o ano pasado, cando se reprogramaron espectáculos, se apoiou aos profesionais desta industria e se promoveu a cultura segura. A Xunta destinou xa 26M€ ao abeiro do plan de reactivación para o sector cultural galego, un plan “vivo e dinámico” que agora entra nunha nova fase, indicou.

“Queremos seguir protexendo o emprego cultural, incentivando o consumo e deseñando e apoiando novos formatos que permitan que a actividade continúe a pesar da pandemia. O plan da Xunta non é unha foto fixa, evoluciona en función das circunstancias e por iso estamos xa ampliando o seu alcance”, engadiu o conselleiro.

Axudas directas. “A Xunta está coa cultura de xeito incondicional”, engadiu o conselleiro. Neste sentido, expuxo que xunto a estas medidas específicas os profesionais da cultura teñen tamén á súa disposición outras de carácter xeral como o segundo plan de rescate para autónomos e pemes promovido pola Xunta cun investimento de 75 millóns, neste caso para obter axudas directas que palíen situacións de inactividade.

De feito. o conselleiro de Cultura referiuse, ademais, aos retos que Galicia ten por diante neste inicio de lexislatura que repercutirán na cultura, como o Xacobeo 2021-22 ou a captación de fondos europeos para a recuperación socioeconómica. Neste sentido activáronse varias liñas de traballo no ámbito da cultura e das súas industrias.

Nos orzamentos da Xunta para este ano consignouse unha partida para a creación dun hub do audiovisual e das industrias creativas cunha dotación de 9,6 millóns de euros e incluíronse tres proxectos de ámbito cultural nas solicitudes de fondos europeos para a dixitalización da cultura ou a creación e distribución de contidos culturais, entre outras.

Román Rodríguez gabou o esforzo de centos de profesionais para superar a difícil situación actual e comprometeu todo o apoio da administración autonómica. Apuntou tamén á importancia da colaboración doutras administracións no apoio á cultura e manifestou o seu desexo de que todas contribúan á súa recuperación.

Por outro lado, os novos investimentos previstos permitirán continuar avanzando xunto co sector para salvar o emprego e manter a industria cultural, da que dependen directamente en Galicia 30.000 profesionais e as súas familias. Este compromiso compleméntase co incremento do 27,4 % nos orzamentos da Xunta destinados á cultura e aprobados a semana pasada. Só a Consellería destinará en 2021 máis de 94 millóns para a cultura de Galicia, o que supón 20 millóns máis que o ano anterior.