Novas olladas sobre Pardo Bazán, a pioneira galega que “segue viva”

O congreso internacional en torno ó legado literario e intelectual da escritora continuará na USC o xoves
Luís Planas
PÚBLICO. Asistentes deste foro que logo de tres días, o xoves chega a Santiago. Foto: G.

A sede da Real Academia Galega (RAG) e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acolle ata este mércores o congreso internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois. O encontro, que continuará na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e no Consello da Cultura Galega o xoves e o venres, conta con especialistas de primeiro nivel procedentes de distintos países que achegarán novas olladas ao legado literario e intelectual dunha muller polifacética e pioneira en moitos sentidos, que gozou da sona e o recoñecemento en vida e que, no centenario do seu pasamento, segue a estar de actualidade.

“Este congreso ha servir para revisar, actualizar e difundir o pensamento e a obra da autora, que forma parte da memoria cultural de todos nós”, salientou o presidente da RAG e director da Casa-Museo, Víctor F. Freixanes, na inauguración celebrada este luns na rúa Tabernas da Coruña, que continuou cos relatorios de Darío Villanueva e Marina Mayoral. Todas as sesións poderán seguirse en directo dende academia.gal e na canle de Youtube da institución anfitrioa de cada xornada.

Está prevista a inauguración o xoves 28 de outubro no Quiosco Alfonso da Coruña da exposición Emilia Pardo Bazán, o reto da modernidade, mostra organizada pola Biblioteca Nacional de España na que poderán verse, entre outras, máis de 70 pezas relacionadas coa ela custodiadas pola RAG.

Víctor F. Freixanes, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a vicerreitora de Cultura da USC, Mar Lorenzo Moledo, en representación das tres institucións coorganizadoras, inauguraron este luns a cita xunto ao director do comité organizador, o académico correspondente e catedrático emérito da USC José Manuel González Herrán; e mais Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que patrocina o encontro xunto á Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, exemplo de colaboración en favor deste foro adicado a unha grande das letras.

Villanueva dixo: “Emilia Pardo Bazán é unha das narradoras máis importantes de toda a literatura do século XIX e de principios do XX, Cen anos despois da súa morte, a súa literatura segue viva”. E Mayoral sinalou: “As transgresións de Pardo Bazán da técnica naturalista da impersonalidade literaria son consecuencia do seu carácter, da súa forte personalidade, que se manifestaba en todo o que facía”, rematou.