Novidades: un canto poético de Xavier Seoane

Blanca Ana Roig

O mes de febreiro de 2021 chegou cheo de libros dirixidos ao lectorado novo. Entre eles é de salientar Cancións para Ana Lúa, poemario publicado por Edicións Xerais de Galicia, na emblemática colección Merlín, obra do recoñecido e polifacético escritor Xavier Seoane (A Coruña 1954).

Un conxunto de dezaoito poemas, compostos por versos cun ritmo musical ben pautado e estrofas curtas, que achegan a nenez a sentimentos e emocións mostradas a partir da relación co mar, a escola, a horta... desde onde ven e perciben o seu entorno, sobre todo, a súa relación con elementos da natureza. Unha conxunción poética de textos e música que se complementan coa excelente interpretación pictórica do tamén recoñecido pintor Correa Corredoira (A Coruña. 1952), quen soubo reflectir a natureza e a maxia dos poemas. Dúas mans experimentadas que axudan e estimulan a lectura do poemario desde dúas artes moi próximas.

blanca.roig@usc.es