Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ULLO

COVID-19: Apóstolo, mulleres e Literatura

Blanca-Ana Roig Rechou / Investigadora da USC e do CRPIH

Estou segura de que Santiago o Maior, o Apóstolo, axudará a limpar a cidade de Santiago de Compostela da COVID que provocou a gran pandemia deste século e que, como ocorreu coa gripe de 1918, decimou Europa e unha gran parte do mundo xa que matou persoas, deixou as economías diminuídas e cantidade de problemas engadidos.

Os mitos, non debemos deixar de soñar, como fixo o noso grande escritor Álvaro Cunqueiro, e, sobre todo, a imprescindible investigación conseguirán, grazas ás vacinas, converter esta COVID nunha enfermidade que minimice as dores, o risco de perder a vida e que, como as da gripe, a volvan unha experiencia incluso agradable, por ese tempiño de descanso que se cura á calor dos conviventes que miman e coidan, sobre todo ao das mulleres da casa, de novo protagonistas nesta pandemia pois, se as cifras non menten, foron as que máis renuncias fixeron en favor da conciliación familiar malia os avances na igualdade.

Santiago de Compostela, construída arredor da catedral onde xace o Apóstolo, será visitada neste Ano Santo 2021-2022 por xentes de todo o mundo que a recoñecen na actualidade como meta dos moitos camiños dunha gran ruta europea, unha rúa multicultural na que conviven identidades diversas e que se andan por motivacións relixiosas e socioculturais no máis amplo sentido: literarias, aventureiras, espirituais, pictóricas, paisaxísticas, arquitectónicas, escultóricas, gastronómicas.... Galicia enteira, a través do chan galego, dirixirá ás persoas que o percorran ao cume procurado para que poidan gozar das súas marabillas e reflexionar sobre o sentido da vida.

Os composteláns, de cerna ou adopción, confiamos en que a nosa cidade poida esquecer axiña a soidade na que tivo que vivir durante o último ano cumprido; o medo; os silencios nas súas prazas, rúas, avenidas, calexas.... espazos tan queridos pola cidadanía e visitantes. Tamén desexamos que a miseria causada no sector servizos, que sostén boa parte da economía civil, se recupere o antes posible para que deixen de pecharse establecementos históricos da cidade e evitar que se reproduzan aqueles que agroman só ao cheiro do enriquecemento inmediato.

As mulleres, malia o Apóstolo propiciar a súa visibilidade a través, por exemplo, de exposicións nas que se mostran os roles que tradicionalmente se lles atribuíron, seguen a ser vulnerables por razóns múltiples que veñen de séculos; seguen a ser maltratadas física e psicoloxicamente. Remito ás cifras de violacións e mortes. As que resisten e persisten na igualdade seguen, como as da miña xeración, levando ás costas traballo e organización do fogar, xa sexan investigadoras, emprendedoras, profesoras, labregas, mariñeiras.... Seguen a ser conciliadoras esforzadas en calquera ámbito. Nos Anos Santos ocúpanse de servizos imprescindibles para que peregrinos e peregrinas, sen entrar en detalles etimolóxicos , percorran as rutas xacobeas (Patrimonio da Humanidade), consigan a “Compostela”, sen atrancos , e revisiten textos literarios que, desde a época medieval ata hoxe, deixaron testemuños do percorrido a Compostela de personaxes ilustres, homes e mulleres de todas as clases sociais, dos seus roles e poderes, pois a ficción ten a capacidade de reflectir historias persoais e colectivas ás que a vida biolóxica non nos permite chegar.

Neste día grande pregámoslle ao Apóstolo a mellora da cidade e de Galicia enteira desde as diferentes áreas económicas, sociais e culturais. Con este fin solicitamos ás institucións e aos expertos, participantes no proxecto europeo Smarter Together (Solucións intelixentes e inclusivas para unha vida mellor nos distritos urbanos) e no Encontro Carta de Santiago, impulsado pola Xunta de Galicia para potenciar Santiago e o renome da Ruta, que non deixen de lado a Literatura, un dos bens máis prezados dunha sociedade culta, á que se chega pola lectura comprensiva. Con ese apoio e recoñecemento poderíanse evitar parte das grandes eivas actuais producidas polo baixo hábito lector de textos complexos.

Graciñas ao Grupo Correo Gallego por brindarme a ocasión de participar neste suplemento un ano máis.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito