Novidades Xerais: Papá Noel e a señorita Bubble

Blanca Ana Roig

De novo Ledicia Costas (Vigo, 1979) publica outra aventura da señorita Bubble, aquela inventora que pola súa fasquía e actividade levantou o enoxo e curiosidade dunha vila. Agora en A señorita Bubble. Baixo cero (Xerais, 2020), a aventureira señorita chega a Rovaniemi (capital de Laponia) onde vive tamén Papá Noel. Vese na obriga ética de axudar a un grupo de pingüíns enfermos, e sobre todo aos elfos da fábrica de xoguetes para liberalos das maldades de Papá Noel. Consígueo coa axuda de Mamá Noel moi ofendida polas falcatruadas do seu home.

Os amantes das series literarias volverán a gozar con esta personaxe, xa moi querida, que non os defrauda, senón que segue a facelos vibrar a través do humor, imaxinación, fantasía e das chiscadelas a obras literarias, personaxes e mitos de sempre. Calidades que tamén se seguen por medio das ilustracións de Andrés Meixide (Vigo 1970) que acompañan a narración.

blanca.roig@usc.es