Núñez Feijóo ve nos fondos europeos unha oportunidade para o audiovisual

O presidente da Xunta fixo un chamamento para avanzar no deseño do ‘hub’ do sector, un proxecto que se considera clave para a consolidación da industria
Audiovisual galego
Irene Jiménez
O actor Xosé A. Touriñán bromea co holograma de Federico Pérez, outro dos intérpretes de ‘Cuñados’. Foto: Cabalar/Efe

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ve nos fondos europeos unha excelente oportunidade para a consolidación en desenvolvemento do sector audiovisual galego.

O titular do Executivo galego mantivo onte un encontro coas principais empresas de referencia no eido audiovisual co fin de coñecer a súa situación e encarar xuntos os retos do futuro. Na reunión, na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, fixo un chamamento para empregar as inversións da Unión Europea para consolidar a importancia crecente do sector en Galicia e se avanzou no deseño do hub audiovisual, un proxecto ao que o titular do Goberno se referiu como unha peza clave para consolidar a industria na comunidade.

Feijóo reuniuse con representantes de cinco empresas punteiras no mundo audiovisual como son Portocabo, CTV, Vaca Films, Ficción Produccións e Bambú. Todas elas coincidiron co presidente no peso específico que supón este sector para a economía galega e no bo momento que vive a industria cunha importancia estratéxica indiscutible demostrando ser un exemplo de madurez, talento e profesionalidade.

Do mesmo xeito, o encontro serviu para que as entidades convocadas puidesen expoñer as súas iniciativas para o novo hub da industria cultural, un proxecto impulsado pola Xunta dentro do programa React da UE co obxectivo de acelerar a reactivación
do sector e incrementar a
súa competitividade. Trátase dunha das principais medidas audiovisuais da Administración autonómica que, cun investimento de 9,6 millóns de euros, pretende xerar sinerxías positivas neste sector profesional galego a través dun proceso colaborativo que permita incrementar as súas capacidades.

A previsión é desenvolver este hub ao longo de toda a lexislatura co obxectivo de colaborar este mesmo ano co financiamento dos mellores proxectos para así seguir consolidando a boa imaxe que a industria cinematográfica galega ten na crítica nacional e internacional. Así mesmo, a iniciativa impulsará a mellora da competitividade de outras empresas culturais e xerará novos postos de traballo.

O apoio ao sector audiovisual enmárcase no compromiso do Goberno galego co sector cultural e que se reflicte no orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, que medra un 85 % ata case os 22 millóns de euros. Grazas a esta achega, a Xunta ten en marcha diversas liñas de axuda por máis de tres millóns de euros que inclúen toda a cadea de valor apoiando aos proxectos audiovisuais desde o seu nacemento ata a súa promoción e difusión.