O Gaiás exhibirá de forma permanente un mural recuperado de Luís Seoane

A obra foi inicialmente concibida para a separación de dous espazos na fábrica de Porcelanas de Magdalena, fundada por Díaz Pardo a carón do río da Prata
María Abascal
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, segundo dereita, cos fillos de Díaz Pardo e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, esquerda. Foto: cedida

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura exhibirá de xeito permanente un mural realizado na Arxentina por Luis Seoane, que a Xunta de Galicia vén de recuperar para o patrimonio público. Así o anunciou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na presentación desta peza, unha das poucas testemuñas que se conservan en Galicia da produción muralística deste gran renovador da arte galega do século XX, e impulsor dunha obra gráfica, editorial e empresarial de fonda pegada cultural.

A peza foi realizada por Seoane na década dos 70, encargada por Isaac Díaz Pardo para separar o obradoiro e as dependencias administrativas na fábrica de Porcelanas de Magdalena –Celtia SA– que el mesmo fundara na Arxentina. O acto de presentación da obra no andar 0 do Museo Centro Gaiás contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira Castro; e Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro, fillos de Díaz Pardo e comisarios da exposición As miradas de Isaac.

Trátase dun gran mural de 230 por 390 centímetros e 200 quilos de peso, formado por catro paneis de idéntico tamaño perfectamente ensamblados entre si. Sobre un fondo de táblex de madeira e cartón pintado –con pigmento amarelo mesturado con area do río da Plata–, Seoane plasmou unhas formas en relevo influenciadas por elementos da cultura popular galega, moi presentes en toda a súa obra do exilio. Na parte superior, unhas rodas lembran ás dos carros de bois, mentres que na parte inferior se atopan as ondas do mar e conta coa sinatura característica do autor no ángulo superior esquerdo.

O conselleiro de Cultura referiuse á obra como “unha das poucas mostras que temos en Galicia da arte de Seoane neste formato pictórico, que si conta cunha grande presenza na Arxentina”. Neste sentido, sinalou o conselleiro, “a propia condición do autor como emigrante, exiliado e con propósito de retorno a súa terra; así como a conexión da peza coa obra artística americana feita por artistas galegos, fan que tanto a nivel histórico como artístico e simbólico, a obra sexa dun alto interese para preservar e exhibir nunha institución pública galega”.

A adquisición da peza foi realizada tralo certificado favorable emitido polo Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.