O Parlamento rinde unha homenaxe a Carvallo Calero

Presentou un libro e inaugurou unha mostra con bibliografía e documentos do autor que estará aberta ao público nos próximos meses
17M-Día das Letras
flora touzónSantiago
Pola esquerda, Pilar García Negro, Valentín García, Miguel Santalices, María Victoria Carballo-Calero e Víctor Fernández Freixanes, na inauguración da mostra no Parlamento

O Parlamento de Galicia presentou onte o libro Ricardo Carvalho Calero, Orador. Discursos e leccións, editado pola Cámara galega para homenaxear ao autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2020. Ao tempo, o Parlamento inaugurou, na propia Biblioteca Carballo Calero da Cámara, unha mostra bibliográfica do intelectual, que estará aberta ao público durante os próximos meses.

No acto de presentación, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que para o Lexislativo é un “privilexio” ser, desde 1997, o depositario da biblioteca persoal, o legado documental e epistolar de Carballo Calero, unha honra “á que queremos corresponder coa edición do volume que hoxe presentamos” e coa mostra configurada a partir dunha escolma dese material. Recordou Santalices que o libro foi elaborado de acordo coa familia do homenaxeado e coordinado pola profesora e exdeputada Pilar García Negro, experta na vida e obra de Carballo Calero.

O volume recompila diferentes discursos e leccións de Ricardo Carballo Calero, contido que, segundo Santalices enlaza cunha das esencias do parlamentarismo: a palabra.

O presidente da Cámara recordou que Carballo Calero e Lois Tobío deron forma ao Anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos de 1931, a partir das achegas encargadas a un grupo de traballo integrado tamén por Bóveda, Paz Andrade e Risco. Por iso, “desde as institucións galegas estamos en débeda cos seus autores, polo seu labor pioneiro de cara a dotar a Galicia dun sistema institucional sólido”. Santalices referiuse tamén ao compromiso galeguista de Carballo Calero e dos restantes galeguistas históricos.

A presentación do libro celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e contou coa participación, entre outros, da autora da obra, Pilar García Negro; de familiares de Carballo Calero; do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e do presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes.

A Mostra Bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero, coordinada por Pilar García Negro, está configurada cronoloxicamente e integrada por medio cento de libros e máis dunha vintena de documentos varios entre os que se inclúen o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outros materiais.