O verán comeza na TVG coa estrea do programa musical ‘Quen canta aquí?’

Percorrerá toda Galicia invitando o público a que compita cantando en formato karaoke
El Correo Gallego
Laura Añón, Alexandra Carrera e César Romero, en plena actuación en Vilagarcía de Arousa.

Santiago. O verán arranca con forza nas tardes da TVG, que este luns estrea Quen canta aquí?, un espazo que percorrerá Galicia e convidará o público a competir cantando en formato karaoke. No seu percorrido polas vilas galegas, o programa porá o seu escenario do programa a disposición de amantes da música de todos os estilos.

Quen canta aquí? será conducido polos recoñecidos cantantes de orquestras César Romero e Laura Añón, que achegarán a súa simpatía, talento e coñecemento de primeira man do mundo do espectáculo.

O programa levará cada día o seu escenario a unha vila onde os cantantes locais, cun anfitrión profesional da música, agasallarán o público coas súas interpretacións, e serán os espectadores desde as redes sociais os que valoren as actuacións e escollan os seus favoritos.

De luns a venres, as grandes voces da verbena galega, como Alejandra Pais, Alba Navarro, Lucía Sánchez, José Rodríguez Noly ou Pili Pampín, apadriñarán cantantes afeccionados co obxectivo de ofrecer un espectáculo para todos os públicos nas tardes da Galega.

Na súa primeira semana, Quen canta aquí? estará estes días en Santiago, con Alba Navarro; en Vilagarcía de Arousa, con Alexandra Carrera; en Ribeira, con Lucía Sánchez; en Sada, con Ángel Sevilla, e, finalmente, en Ferrol, con Nuria Fernández.

Cos pés na terra ten hoxe unha cita cunha vella amiga do programa, Loli, unha labrega afeita a cultivar produtos saborosos, a traballar en equipo e a vender todo e canto rico sae da súa terra. Os espectadores tamén coñecerán a Manu, Sara e Leda.

O programa estará na súa fermosa casa para descubrir os segredos do feltro feito con la e algún dos xogos antigos que eles mesmos fabrican.

Ademais, o espazo da TVG ten unha cita para contar ovellas, e non para durmir, senón para contar todas e cantas ovellas ten Diego, un gandeiro a quen nunca lle falta axuda dun can máis ca eficiente. E o equipo do programa cabalgará pola serra do Xistral con Xabi, un rapaz apaixonado pola hípica que se meteu a gandeiro. Ten máis de 150 cabalos de pura raza galega e outras tantas vacas de raza Salers.

A audiencia verá como lle vai a Roberto na súa tenda, que ten a pé de horta e ao carón das casas, onde lles vende aos seus veciños de Oleiros produtos ecolóxicos acabados de apañar. Finalmente, o programa achegarase ao muíño de Isabel, que volveu á súa aldea para ser muiñeira e recuperar un oficio en perigo de extinción.

O espazo A revista recibirá hoxe a visita de Miguel López, mestre de Educación Infantil coñecido en redes sociais como El Hematocrítico, que acaba de publicar o seu primeiro libro para adultos, Escúchalos, en que, tras moitas horas nas aulas, comparte a súa visión da crianza e aboga por métodos máis respectuosos. redacción