Pastora Soler presenta novo disco esta noite no ‘Bamboleo’

Tamén visitarán o programa da Televisión de Galicia Germán Prieto, a orquesta M-3 Show e os bailaríns deportivos David e Silvia
TVG
André Couce
Unha cantante exitosa que se achegará ata o plató de ‘Bamboleo’ esta noite. Foto: TVG

Bamboleo recibe hoxe a visita dunha convidada excepcional: a gran Pastora Soler, Medalla de Andalucía e finalista dos premios Grammy Latino, que conta cunha longa lista de éxitos nos seus case 30 anos de carreira discográfica. ‘Libra’ é o novo disco dunha das voces máis potentes e recoñecibles da música española, que presentará no programa novos temas que forman parte deste último traballo, títulos como Que hablen de mí, Lo que siempre me callé ou Rascacielos.

O programa que conduce Xosé Manuel Piñeiro tamén recibirá o cantante e compositor Germán Prieto, que compaxina a súa faceta musical co seu labor de avogado e nos últimos tempos decidiu dar un paso á fronte para lanzarse como cantante e compositor cun novo disco: ‘Salto al vacío’.

A música da verbena galega estará representada nas actuacións da orquestra M-3 Show, e a parella de baile deportivo especializada en latinos, formada por David e Silvia, realizará exhibicións de jive e rumba.

No ‘Agora ou Nunca’ participarán Joanna Rincones, ‘A China’, cantando En carne viva, de Scarlet Linares, e José Manuel Couñago, entoando ¿Y cómo es él? na versión de Marc Anthony.

A sección ‘A Jrileira’ recibirá a Comisión de Festas de Sar do Concello de Santiago de Compostela e a Asociación Cultural e Recreativa de San Félix de Afóra, tamén de Compostela, para cantar Corazón latino, de David Bisbal, e adiviñar intérpretes.

Finalmente, ‘A ITV do Amor’ porá a proba a capacidade de improvisación dunha parella de namorados, axudados por dous colegas, que queren levar un fantástico premio. O xogo máis picante do programa conta coa participación dos colaboradores do programa: Isi, Damián, Javier Varela e Tamara, aos que non lles escapa unha.

A TVG ofrecerá esta tarde a última entrega do programa Galicia 20 a 20, coa etapa final da viaxe e unha sorpresa moi especial. No programa de hoxe, os espectadores poderán escoitar a voz de Ruth Matilda Anderson. Poderán coñecela de primeira man grazas unha entrevista que lle fixeron en 1977 á fotógrafa estadounidense.

Neste último capítulo, o programa tamén visitará Sobrado dos Monxes, onde terá ocasión de conversar co prior Carlos Gutiérrez e de ensinarlle a imaxe que tomou Ruth Anderson co Mosteiro totalmente en ruínas. Ademais, o espazo fará un repaso da historia deste emblemático enclave relixioso.

Seguidamente, Galicia 20 a 20 recalará en Arzúa para falar con Andrea Birsanu, unha rapaza que botou a andar Silvatiica, un proxecto de ilustración, colaxe e moito máis. Fixo unha reinterpretación dunha fotografía de Ruth Matilda Anderson para darlle visibilidade ás cargas mentais das mulleres do rural galego.

O espazo cultural tamén visitará a Abraham, avó da fotógrafa do programa, Leticia, e causante de que represente a terceira xeración na familia co ollo detrás da cámara. E rematará o seu percorrido na Coruña, o lugar por onde Ruth Matilda Anderson chegou na súa segunda viaxe a Galicia. Alí, Galicia 20 a 20 fará unha pequena mostra fotográfica para deixar constancia da súa viaxe ao longo de dez entregas.

O programa divulgativo Tal como somos achégase hoxe á industria do naval, moi ligada á historia de Galicia. Ao longo dos séculos, o sector pasou por momentos de bonanza e duras crises. Os actuais estaleiros xurdiron co nacemento dos estados-nación modernos e a súa necesidade de manter e abastecer á Armada.