Programación especial en TVG e na Radio Galega arredor do 25 de xullo

A retransmisión de mañá pola noite dos Fogos do Apóstolo, un dos pratos fortes // E xa o domingo, a Ofrenda Nacional
Luís Planas
EN SANTIAGO. Imaxe de aqruivo da noite dos Fogos do Apóstolo de hai anos. Foto: ECG

Programas en directo desde a praza do Obradoiro, retransmisión dos actos oficiais e unha gran gala musical protagonizan este ano a programación dos medios públicos galegos para celebrar o Día de Galicia máis importante da última década, marcado polo Ano Xacobeo 2021. Tamén a páxina web e as redes sociais da CRTVG (por medio da Televisión de Galicia e da Radio Galega) informarán e retransmitirán as principais citas da fin de semana.

Un dos pratos fortes da programación especial será, sen dúbida, a retransmisión mañá pola noite dos Fogos do Apóstolo, que se botarán de xeito simultáneo desde distintos puntos de Santiago. Os xornalistas Loly Gómez e Eduardo Herrero conducirán desde a praza do Obradoiro, a partir das 22.00 h, este programa especial, con conexións cos distintos lugares onde a noite se fará día, e que ofrecerá actuacións musicais e contará coa participación de rostros coñecidos da TVG.

Previamente, na tarde do mesmo sábado, a Televisión de Galicia emitirá Descubrindo a Ribeira Sacra, programa que afondará nos segredos desta paraxe natural, zona na que máis medrou a demanda turística nos últimos anos.

E o magazine Sabadeando conectará en directo coa praza do Obradoiro e estará moi pendente durante toda a tarde de todo o que aconteza en Compostela na véspera do Día do Apóstolo.

O domingo 25 de xullo comezará coa retransmisión da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. Ás 12.00 h ofrecerase en directo desde a praza do Obradoiro a Parada Militar e, a partir das 12.30 h, a misa desde a Catedral. Como cada ano, a TVG ofrecerá en directo este evento, que lle dá continuidade á tradición instaurada por Filipe IV en 1643, e que, por segundo ano consecutivo, será presidido polos Reis don Felipe e dona Letizia, acompañados, por primeira vez, pola Princesa de Asturias e a Infanta Sofía.

Pola tarde, arredor das 17.30 h, ofrecerase o documental Os segredos da Capela Maior sobre o conxunto de reformas neste espazo da catedral de Santiago, que concluíron hai uns días cos traballos finais de iluminación.

Realizado durante varios meses por un equipo da TVG, o documental revela a grandiosidade dun dos conxuntos arquitectónicos máis importantes de Occidente, agochado durante séculos baixo densas capas de humidade e po.

Ás 18.30 h retransmitirase a entrega das Medallas de Galicia, que tamén será presidida polo rei Filipe VI. O acto, que recupera a data do 25 de xullo, será retransmitido pola TVG con intérprete de lingua de signos. A máis alta distinción autonómica recoñecerá este ano o traballo dos profesionais que participan no dispositivo de vacinación contra a COVID.

Ademais destas retransmisións, os espazos informativos deste domingo, o Telexornal Mediodía e o Telexornal Serán Fin de Semana, ofreceranse desde o balcón do Consello da Cultura Galega, no pazo de Raxoi, coa catedral de Santiago de fondo.

Outra das propostas da Galega para este día festivo será unha edición especial, dedicada ao Camiño Francés, do programa Un país en 360 (19.45 h), que utiliza a tecnoloxía para achegarlles aos espectadores, de forma inmersiva, o patrimonio natural e monumental de Galicia.