Programación especial sobre a celebración do 8-M na CRTVG

Unha peza con figuras galegas do eido deportivo e a estrea dun espazo coas voces de mulleres apoderadas, parte dos contidos
CRTVG
Rosa Cano
CULTURA. Plano da peza ‘As mulleres do porvir’, do Consello da Cultura Galega. Foto: CCG

A Galega ofrecerá desde este sábado contidos especiais para celebrar o Día Internacional da Muller. Ademais da cobertura informativa dos actos que teñen lugar con motivo do 8 de Marzo, na TVG e na G2 destaca a estrea dun espazo que recolle as experiencias de mulleres apoderadas; un programa sobre a visión feminina do deporte, en que intervirán destacadas figuras galegas; reportaxes coa muller como protagonista, e seis longametraxes con perspectiva feminina.

O propio día en que se conmemora a efeméride, a G2 estreará na faixa da noite En feminino singular, unha serie de 8 capítulos temáticos, que pretende sensibilizar a sociedade e as mulleres, en particular, sobre a necesidade de apoderarse para romper os vestixios da desigualdade existente entre xéneros e fomentar este apoderamento como escudo fronte á violencia de xénero. En cada entrega, catro mulleres visibilizarán as súas experiencias e traxectorias vitais que as levaron a erixirse como referentes nos seus ámbitos..

A Galega comezará esta programación especial hoxe na G2, coa emisión dun espazo presentado pola xornalista Loreto Costa, en que mulleres galegas destacadas no eido deportivo tratarán variados temas, como a igualdade salarial, a visibilidade do deporte feminino, a maternidade e o deporte de alto nivel. En representación das deportistas participará Patricia González Peque, xogadora do Pescados Rubén Burela e segunda mellor xogadora do mundo de fútbol sala; Begoña Fernández, medallista olímpica en Londres 2012 coa selección española de balonmán e actualmente é adestradora de balonmán, e Zulema González, árbitra internacional. Ademais contarase coas reflexións, entre outras, de Teresa Portela, piragüista; Susana Rodríguez Gacio, triatleta paralímpica; Elena Roca, primeira galega internacional en rugby; Bea Sánchez, xogadora do Durán Maquinaria Ensino de baloncesto; Patri, futbolista do Deportivo Abanca; Adiaratou Iglesias, atleta paralímpica; Julia Paradela, xogadora de voleibol do Arenal Emevé, e Desirée Vila, atleta paralímpica, entre outras.

Na TVG, esta mesma noite, tras a emisión de Bamboleo, ofrecerase un dos eventos musicais cun acento feminino máis forte na historia dos medios públicos galegos, a Gala Matria Galega, en que teñen presenza artistas dos máis variados xéneros e ofrece o testemuño de mulleres que destacan en diferentes ámbitos da sociedade.

E hoxe a G2 estreará a longametraxe Migas de pan, unha coprodución uruguaia-galega baseada en feitos reais. Un drama inspirado no relato de Liliana Pereira, unha expresa política da última ditadura do Uruguai.

O portal de cine galego en aberto da Crtvg, Carteleira G, ofrecerá ata o vindeiro día 15, catro películas participadas pola Galega e a innovadora peza As mulleres do porvir, do Consello da Cultura Galega. Esta obra foi escrita por unha pioneira do teatro galego como foi Dorotea Bárcena.