Sete millóns para promocionar o turismo e o Xacobeo ata 2023

A comunidade leva acumulados neste ano 3,2 millóns de viaxeiros e 7,1 de noites //‘Camiña a Galicia’ pretende potenciar o destino seguro e dar apoio ao sector
Xacobeo
Irene Jiménez
Unha das imaxes da campaña de promoción do turismo ‘Camiña a Galicia’. Foto: ECG

Case que sete millóns de euros destinará a Xunta de Galicia ao proxecto de promoción do turismo galego e do Xacobeo co obxectivo de achegar a diferentes segmentos da poboación a mensaxe dun destino seguro e atraer visitantes ao longo dos anos 2022 e 2023. O plan servirá de continuidade á campaña Camiña a Galicia, que contribuíu a acadar bos resultados turísticos neste ano.

Cando xa se teñen rexistrado máis de 174.000 peregrinos ao longo do ano 2021, superando as previsións de 140.000 para todo o ano, e cando os rexistros turísticos de Galicia do pasado verán constatan a recuperación dos niveis de ocupación anteriores ao 2020 e mesmo un incremento, a Xunta lanzará con weses 6,9 millóns de euros esta gran campaña de promoción para promover o segundo ano do Xacobeo 21-22, potenciar Galicia como destino seguro e apoiar o sector turístico galego.

Así, o balance da actividade turística en Galicia evidencia, non só un progresivo regreso á normalidade, no que aos niveis de oferta dispoñible e de demanda se refire, se non que se recupera de tal maneira que se superan, por riba, as cifras do pasado ano e, nalgúns casos concretos, os niveis de 2019, previos á pandemia. Isto reflíctese nas grandes magnitudes de afluencia turística e de comportamento dos diferentes mercados emisores.

En setembro, consolidouse o ritmo de recuperación do verán: preto de 460.000 viaxeiros aloxados e case 933.000 noites. No acumulado do ano, Galicia leva rexistrados 3,2 millóns de viaxeiros e 7,1 millóns de noites.

Estes datos da reactivación do turismo e do Camiño son resultado do traballo levado a cabo pola Xunta tanto coa campaña Camiña a Galicia ou coa posta en marcha de medidas para recuperar a confianza dos viaxeiros, como o seguro coronavirus e a implantación dos protocolos anticovid nos establecementos turísticos, nas rutas xacobeas e nos albergues.

Con estas premisas e tendo en conta que o Ano Xacobeo aínda se estenderá a 2022, a Xunta quere seguir incentivando a demanda de visitantes e peregrinos cara a Galicia e postular o desenvolvemento da recuperación da actividade económica relacionada coa hostalaría e co sector turístico.

Por todo isto, proponse o desenvolvemento dunha grande acción de comunicación do destino Galicia e do Camiño de Santiago que sexa quen de alcanzar o meirande número de público que lle permita a Galicia posicionarse coma un dos mellores lugares para visitar no vindeiro ano.

O período de execución deste plan prolongarase durante 12 meses entre os anos 2022 e 2023. Mentres o acordo marco ten unha vixencia ampla, prevense cinco fases da campaña de impacto autonómico e nacional centradas no Xacobeo 21-22; nas tempadas de verán e outono do próximo ano e na de primavera de 2023; e unha parte interna dirixida a concienciar sobre a necesidade de dar unha boa acollida aos visitantes durante o Ano Santo.