Traizóns, mentiras e segredos chegan á pantalla coa TVG

Este luns, en ‘O Derradeiro Show’, Marianico el Corto séntese enganado por Chusé, que monta unha poxa sen consultarllo
Andrea Barreiro
Novo capítulo. Fotograma da última entrega de ‘Auga Seca’ deste luns. Foto: ECG

A TVG volve cunha morea de novos capítulos, empezando por uha nova entrega da serie Auga Seca, onde a policía atopa un novo alixo de armas no apartamento de Raquel, a moza de Fran, o que forma parte da manobra de distracción de Mauro.

A confesión de Leo identifica a Fran como o terceiro membro da banda, confirmándoo como parte da trama de tráfico de armas. Esa información fíltrase á prensa e cando Irene se decata enfurécese, xa que non só perdeu o seu fillo, senón que a súa memoria queda desfeita.

Ao mesmo tempo, Teresa cóntalle a Laura o que viu na comisaría: un pago dunha empresa con sede en Panamá á nave de Vigo baixo o nome de Peristerias, o alcume que o seu pai empregaba para Paulo e mais ela. É posible que o seu pai estivera involucrado en todo isto? A única forma de descubrilo é volvendo á casa, a Lisboa.

O DERRADEIRO SHOW. A Televisión de Galicia ofrece tamén esta noite unha nova entrega de O derradeiro show, primeira serie producida pola televisión autonómica aragonesa, que se centra nun dos personaxes televisivos máis famosos da España dos 90: o popular Marianico el Corto, humorista que parodiaba o home de campo aragonés.

No cuarto capítulo, os espectadores verán como Chusé monta unha poxa con obxectos sobre Marianico el Corto sen contarllo. Cando Miguel Ángel o descobre, séntese traizoado por quen foi o seu representante e amigo.

A REVISTA. Por outra bandaO xornalista e crítico musical Xavier Valiño estará hoxe no estudio do programa A Revista para presentar o seu libro Las 100 mejores películas del rock, en que ofrece unha selección de películas e e series de televisión arredor deste estilo musical, no seu concepto máis amplo. O percorrido comeza nos anos 50, co arranque do rock & roll, e chega ata a actualidade.

O espazo da TVG tamén recibe este luns a inmunóloga África González, que falará da nova variante surafricana da covid-19, que espertou preocupación entre os científicos, as autoridades sanitarias e a comunidade internacional pola súa cantidade de mutacións e a súa maior transmisibilidade Ademais, A Revista estará hoxe co novísimo emprendedor lucense que en só catro anos levantou unha franquicia con máis de 300 lavanderías autoservizo e contará coa presenza de Adrián Díaz, presentador do novo programa da TVG Comando G, que chegará proximamente ás pantallas.

Finalmente, como cada luns, o espazo presentado por Loly Gómez desenvolverá a súa habitual mesa de sucesos, que contará nesta ocasión coa participación da xornalista Patricia Abet e do avogado Evaristo Nogueira.