“Un bo infografista ten que ser bo xornalista, aínda que non sexa de formación”

Xornalismo
María Almodóvar
Artur Galocha cree que se empeza “a ter en conta a infografía como un xeito de contar historias que perduran, se comparten e se entenden mellor que con textos de dúas mil palabras”. Foto: Lino Escurís

Canto se valora a labor de infografista no xornalismo, Artur? Quizais moito máis nos periódicos grandes?

Xeralmente, no xornalismo non se valora moito o que non sexa redactor á antiga usanza. Pasa o mesmo co deseño ou co fotoxornalismo. De feito desde a facultade non se coidan moito estas diferentes vertentes do xornalimo. Pero creo que se empeza a ter en conta a infografía como un xeito de contar historias que perduran, se comparten e se entenden mellor que con textos de dúas mil palabras. E sobre todo entender ó infografista coma un xornalista máis, pero que utiliza unha linguaxe visual para contar historias.

Falta que a xente, que os lectores os coñezan?

Eu creo que ese cambio ten que vir dende dentro do xornalismo. Que os xefes se den conta dos beneficios de ter unha boa sección de infografía. O lector agradece as explicacións visuais, porque é un xeito de entender información moi complexa dun xeito moi sinxelo. E máis nunha sociedade que tende cada vez máis ó visual.

A páxina máis vista da historia do Washington Post é unha infografía deste ano. O lector valora que lle conten ben as historias.

Teño claro que quen traballa en infografía exerce tamén o periodismo. Pero paréceme unha tarefa moi complexa, de síntese brutal. Como se fai?

Ó final o que usamos son recursos visuais para contar unha historia documentada dun xeito xornalístico. Se tes boa información, todo sae mellor. A partires de aí, é a propia información a que che vai guiando o camiño, a maneira de contalo. Á hora de escribir unha historia, a síntese é moi importante tamén. O infografista, a fin e ó cabo, fai o mesmo pero con outros recursos.

Para ser un bo infografista hai que ser xornalista? Que cualidades hai que ter?

Creo que hai que ter claros os principios do xornalismo. E un bo infografista ten que ser bo xornalista, aínda que non sexa de formación. Moitos dos mellores infografistas que coñezo estudaron deseño, non xornalismo. Outros tantos si estudaron Xornalismo. Pero todos eles son grandes xornalistas, porque son capaces de contar unha historia do xeito adecuado e ceñíndose á verdade.

Obras de arte, así son as túas infografías. Podes facela con total liberdade?

Toda a liberdade que che da a información. No arte podes facer o que queiras, sen respectar códigos. Na infografía non, estás supeditado a unha información veraz e á linguaxe dos teus lectores. O básico é a información. Que sexa bonito ou feo xa é accesorio. De feito ás veces renuncio a un debuxo que me encanta porque o conto mellor doutra forma menos atractiva pero máis clara e fidedigna.

Artur, que é o máis importante cando tes que enfrontarte a facer unha?

Ter claro o que queres contar e estar seguro de que o que vas contar é certo. No caso dos gráficos que fixen este ano sobre o virus, a información viña das mellores virólogas, epidemiólogas e inmunólogas e os mellores xornalistas e divulgadores científicos. E unha vez feito o gráfico, revisábano e correxíano. E despois ter claro a organización da información, como vas guiar ó lector a través dela, como estructuras a información para ir descubríndoa ó lector.

Desde o punto de vista profesional, cando é de calidade? Que ‘ingredientes’ debe ter?

Ten que ser veraz, clara e todo o sinxela que poida. Creo que é de calidade cando a entende tan ben un experto na materia como o meu avó ou miña avoa.

Fuches compañeiro noso, en EL CORREO GALLEGO. Non sei como te deixaron marchar!!! (risas) Está claro que isto era pequeno para un talento como o teu.

Si! Pouco estiven, uns oito meses. Pero tiven a sorte de coñecer aí a Roi Fernández, do que aprendín moitísimo coma deseñador, infografista e boa xente.

Onde aprendiches máis? Quen consideras que foi o teu maestro para que agora The Washington Post anunciara a túa fichaxe?

Pois houbo moita xente no camiño á que lle teño que estar agradecido. Se tivera que quedar cuns poucos diría que Xaquín González, o meu primeiro xefe en elmundo.es e que me descubriu a infografía; Álvaro Valiño, meu xefe en Público, que me ensinou a quitar todo o que sobraba e a ser bo xefe e facer equipo; e Diego Areso, co que coincidín en Público e en El País e que é uns dos tipos que máis sabe de deseño no mundo.

¿Poderías definirte facendo unha infografía?

A nivel biolóxico si (risas). O que son e o que pasa pola miña cabeza xa o dubido un pouco máis. Pero teño claro que sería máis fácil contar quen son dun xeito visual que cun texto.

No mundo do xornalismo, levamos tempo vivindo en crise. E agora coa pandemia... cres que temos a oportunidade de saír reforzados?

Penso que a xente consultou moito máis os medios neste tempo. E as suscripcións dixitais están demostrando que a xente si está disposta a pagar pola boa información. O problema co xornalismo é a su dependencia da publicidade. Se a publi baixa, o xornalismo terá unha crise económica e consecuentemente unha crise de calidade. Así que na medida en que os medios vivan máis dos seus lectores, a cousa irá a mellor.

Como é a relación que tes co teletraballo, Artur?

Pois ás veces ben, porque traballo máis e pódome concentrar máis... e ir en chándal e estar cos meus gatos. E ás veces boto de menos ir á redacción, que cando saes de alí xa non existe o traballo, apagas o teléfono móbil e eres algo libre.

Podes compartir con nós o mellor consello que recibiches?

Meu avó sempre me dicía que o mellor que poden dicir de un é que é boa xente e traballador. Eu confórmome con que digan iso de min.