Un éxito de audiencia: hoxe na TVG ‘48 horas para o si’

O espazo arredor dunha petición de man e unha voda sorpresa obtivo na súa estrea un seguimento de cen mil espectadores
Televisión
Luís Planas
PRIME TIME. Plano da estrea do exitoso programa dos martes na Televisión de Galicia ‘48 horas para o si’. Foto: Crtvg

Despois da estrea de éxito de 48 horas para o si na Televisión de Galicia (TVG), en que este novo espazo arredor dunha petición de man e unha voda por sorpresa acadou un salientable seguimento do 16 % de cota media de pantalla, este emocionante formato de entretemento volve esta noite cunha nova proposición amorosa, a de Silvia a Jorge, unha parella que, desde que se coñeceu na festa da Barca de Muxía, leva unida oito anos e comparte vida en Santa Comba.

A coñecida actriz e presentadora do espazo, Iolanda Muíños, dará a coñecer hoxe a Silvia, unha muller de 31 anos, de Vimianzo, apaixonada da meditación, do benestar e romántica, sobre as súas motivacións para dar este importante paso. A culpable ou verdugo desta entrega quererá darlle unha gran sorpresa ao seu mozo, pero xogará o todo polo todo dando un paso tan importante na relación para acadar o si, quero. Pola súa parte, a vítima, Jorge, de 34 anos, é un obsesionado pola moda e a decoración, que acode ao programa totalmente enganado, pensando que vai participar nun espazo de televisión para coñecer mellor a súa parella.

O cómplice, con quen Silvia vivirá os dous días na autocaravana para levar a cabo todos os preparativos da voda, será o seu sogro Evaristo.

E durante este proceso, a audiencia coñecerá tamén as familias de ambos e gozará dos momentos previos ao posible compromiso.

Conseguirá Silvia o ansiado si, quero ou non? En caso contrario sería un auténtico pau... Todo este cóctel explosivo de emocións e risas agarda a parella protagonista e a audiencia da TVG, esta noite, a partir das 23.05 horas.

Por outra banda, tamén hoxe entre os contidos da grella os actores Fran Paredes e Inés Salvado estarán hoxe no estudio de Zigzag para falar da montaxe teatral O charco de Ulises, unha versión libre e contemporánea de La Odisea, traspasada nesta ocasión a un contexto transatlántico: do mar ao océno, de Ítaca a Galicia. A debandita obra, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, vaise pegando e separando do mito orixinal, xerando un diálogo co clásico para xogar con el, para traizoalo en moitas ocasións e, sobre todo, para tratar o fenómeno da emigración galega cunha marcada compoñente de orixe poética.