Unha mostra exhibe o legado dos 40 anos de vixencia do Estatuto de Autonomía galego

O presidente da Xunta salientou, na inauguración no Museo do Pobo, que esta norma básica contribúe a facer a marca Galicia
Exposición
Flora Touzón
Alberto Núñez Feijóo e Camilo Nogueira antes do acto. Foto: David Cabezón

O Museo do Pobo Galego acolle a exposición Unha Galicia mellor: 40 anos do Estatuto de Autonomía, 1981-2021, na que se fai un repaso das catro décadas de vixencia estatutaria e dáse mostra dos avances experimentados ao longo destes anos pola comunidade autónoma galega.

Organizada pola Xunta, onte foi inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e asistiron, entre outras personalidades, o xefe do Parlamento galego, Miguel Santalices; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi.

Tamén estiveron presentes no acto cinco dos relatores que participaron na elaboración do Estatuto de Autonomía: Víctor Vázquez Portomeñe, Ramón Álvarez Cid, Camilo Nogueira, Francisco Puy e Luís Sobrado.

O presidente da Xunta destacou a contribución dos 40 anos de vixencia do Estatuto de Autonomía á marca Galicia, “unha marca de convivencia, de progreso e de liberdade”. Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego incidiu en que o Estatuto é unha historia de éxito, un punto de encontro e motor de avance que se prolonga xa por catro décadas e no que cabemos todos.

“A etapa máis potente, máis aberta e de maior autoestima do pobo galego non foi consecuencia soamente de intelectuais, políticos e activistas que loitaron por facer realidade unha idea, senón sobre todo dunha unánime enerxía colectiva. Ningún galego quedou excluído da gran obra da autonomía”, recordou, facendo fincapé en que todos os galegos seguen a ser necesarios para que o logro sempre inacabado da autonomía non deteña a súa marcha.

Núñez Feijóo concluíu, deste xeito, referíndose a esta exposición como unha pequena mostra do que somos capaces: “Velaquí un recordatorio do que fomos e do que somos”, sentenciou.

Noutra intervención, o presidente do Parlamento de Galicia animou a continuar os esforzos de divulgación da historia recente da comunidade, para superar o “gran manto de néboa” que fai que gran parte da sociedade, especialmente a poboación de menos de 50 anos, “descoñeza todo ou case todo” sobre a transición democrática e o proceso que dotou a comunidade de autonomía política.

Támén reivindicou Santalices o “absoluto éxito da transición e a posterior descentralización, que nos levou da ditadura á democracia e asentou a Galicia e ao conxunto de España na etapa de maior crecemento, estabilidade e prosperidade da nosa historia”.

Vázquez Portomeñe, un dos relatores que participaron na elaboración do Estatuto, afirmou que foi o “espírito da Transición, o espírito da concordia e o espírito da convivencia” unha parte fundamental da etapa de construción institucional da Autonomía galega.

O alcalde de Santiago de Compostela expresou o seu desexo de que o vixente Estatuto de Autonomía de Galicia poida ser “ampliado e mellorado” e que se manteña vixente durante moitos anos máis para que siga “rendendo tan bos froitos para Galicia e para o conxunto dos galegos.