‘Vaia Troula’ dálle a benvida ao outono con diferentes romarías

Os espectadores poderán gozar da gala ‘Xacobeas en concerto’, que contou coas actuacións de Ana Guerra, entre outras artistas
Josefa Rodríguez
#DígochoEu, presentado por Esther Estévez, chega esta luns ás 1.000 entregas. Foto: TVG

O Vaia Troula deste domingo pola noite estrea o outono na Televisión de Galicia cun programa cheo de festas, ledicia e devoción. Desta volta, a mestra de cerimonias, Noelia Rey, viaxa ao concello pontevedrés da Guarda. Alí, no alto do monte, celebran unha nova edición da romaría de Santa Trega, en que a procesión e as poxas dos produtos da terra e do mar son o máis salientable do día.

Pola súa parte, a reporteira Belén Vara estará nas festas de Brexo-Lema, no concello de Cambre. Alí haberá paella, churrasco e verbena para todos os asistentes. Adela Bértolo gozará da romaría da Saínza, en Rairiz de Veiga. A súa loita de mouros e cristiáns é un dos momentos máis senlleiros deste outono trouleiro. E Alba Lea pasará pola multitudinaria romaría da Saleta do concello ourensán de Boborás.

As cámaras do Vaia Troula’ tamén porán o foco nas Festas de Santo Adrián de Verdes, en Coristanco, na romaría de San Mateo de Trazo e na Festa dos Milagres de Bandoxa, en Oza-Cesuras.

O menú trouleiro deste domingo á noite complétase coa Exaltación da Zorza do barrio da Gándara, na Guarda, coa romaría da Mota Grande de Arzúa e coas festas de Pontedeva. E para que a troula sexa inesquecible, o programa da TVG tamén ofrecerá a actuación da orquestra Los Player’s.

1.000 PROGRAMAS DE #DÍGOCHO EU. O popular espazo de fomento do uso do galego da CRTVG #DígochoEu, presentado por Esther Estévez, chega esta luns ás 1.000 entregas e, para celebralo, a Televisión de Galicia ofrece hoxe un programa especial onde se recollerán os mellores momentos e todos os hits alcanzados ata o momento por este proxecto dos medios públicos, consolidado xa como o maior impulsor da lingua galega entre a mocidade de Galicia.

#DígochoEu é o proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. Emite, desde xaneiro de 2020,bun capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública. Pode seguirse na web crtvg.gal, en g24.gal, no Telexornal da TVG, así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (@DigochoEuTVG), Facebook (facebook.com/digochoeu.tvg), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu), onde xa ten máis preto de 200.000 seguidores. E pode seguirse no streaming semanal en Twitch na noite dos mércores, xunto co actor portugués Rodrigo Paganelli.

GALA XACOBEAS EN CONCERTO. Os espectadores da TVG poderán gozar esta tarde de domingo da que, sen dúbida, foi unha das citas musicais estrela en Galicia do verán que acaba de rematar: a gala Xacobeas en Concerto, que celebrou o pasado mes de xullo na localidade pontevedresa de Marín.

Dúas xornalistas galegas, Lucía Rodríguez e Patricia Pardo, exerceron de mestras de cerimonias dun grande espectáculo en que foi protagonista a voz feminina, xa que contou coa presenza dunha decena de destacadas artistas do panorama nacional e internacional.

Así, a gala que hoxe ofrece a Televisión de Galicia conta coas actuacións de Ana Guerra, Ana Mena, Tanxugueiras, Beatriz Luengo, Nia Correia, La Mala Rodríguez, Ainoa Buitrago, Eva B, Carolina Rubirosa e Yoly Saa.

VIVIR AQUÍ. O programa coñecerá hoxe o traballo que se fai na asociación Boa Vida de Pontevedra. Con solidariedade, empatía, humanidade e axuda eficaz e duradeira, levan dez anos axudando os que máis o precisan. Agora desenvolven un proxecto chamado ‘Vivir co rural’, moi prezado polos usuarios.