Violeta Meléndrez achega a Baio novas formas de animar á lectura

Unha das súas recomendacións é lanzar retos cada mes a través dos libros

Violeta Meléndrez, sétima pola esquerda, co alumnado de Baio

Violeta Meléndrez, sétima pola esquerda, co alumnado de Baio / CEDIDA

A influencer Violeta Meléndrez mantivo un encontro cos alumnos do IES Maximino Romero, de Baio, para abrirlles un novo mundo e novas formas para achegarse á lectura en papel a través das redes sociais. Meléndrez usa a rede Instagram (@littera_lupa) para crear un ambiente positivo ao redor dos libros que escolle e favorece que a curiosidade permita consolidarse nun achegamento real de novos lectores e lectoras a libros físicos.

Unha das súas recomendacións é lanzar retos cada mes a través da lectura. Un libro cun gato na portada, autora latinoamericana, libro epistolar, literatura infantil, obra teatral... son algúns dos retos que propón para este ano. Os seus contidos xiran sobre as súas lecturas e recomendoulle tres libros ao alumnado baiés: Que me pare o corazón, de Andrea Maceiras; Un elefante na sala de estar, de Berta Dávila; e Nom estamos quebrades, de Nee Barros.

Dende o IES de Baio desexan “que estas canles sirvan para defender, protexer e renovar o interese pola lectura en galego”.