Apoio xudicial á protección da fonte pontecesana de Canasteves

O TSXG avala a inclusión no Catálogo de Patrimonio e dá a razón á veciñanza
Patrimonio
Manuel Lavandeira
Estado no que se atopa actualmente o conxunto da fonte de Canasteves, ubicado na parroquia de Tella. Foto: PDFC

A Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superiro de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou a demanda da Plataforma pola Defensa da Fonte de Canasteves, pertencente á parroquia de Tella (Ponteceso), que leva anos loitando “xurídica e políticamente” para “manter o carácter público do centenario espazo composto por: mina, fonte, lavadoiro e camiños de acceso, coñecido como fonte de Canasteves”, afirman.

Segundo relatan, o fallo do TSXG “motiva a legalidade da decisión de Patrimonio”, dado que se trata “de bens comunais con valor etnolóxico e que pola súa antigüidade de máis de 100 anos son de carácter histórico”.

Agora, engaden, estes bens, teñen o aval de dúas sentenzas, unha emitida en 1987 polo Xulgado de Primeira Instancia de Carballo e esta última do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A maiores lembran que en outubro de 1986 a Corporación local acordou en pleno declaralos bens “de dominio público e destinados ao uso e servizo público”, subliñan.

Posteriormente, en xaneiro de 2020 o conxunto da fonte de Canasteves foi incluído no Catálogo de Patrimonio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultura de Galicia, “co plus de protección que iso lle confire” engaden.

Á espera de coñecer se o Tribunal Supremo admite, ou non, a trámite o recurso de casación presentado polo litigante, propietario de dúas fincas colindantes, dende a referida plataforma comunican que “este conxunto segue aberto como sempre a calqueira que desexe facer uso del, a pesares de atoparse todo o espazo nunhas lamentables condicións de abandono histórico por parte da administración local”.

Critican que o litigante se aferre “á idea de privar á cidadanía dun dereito histórico de propiedade común”, e queren subliñar que “todos os logros para evitar a destrucción e desaparición do conxunto acadáronse a pesares da desidia, inacción e atrancos postos polo alcalde aos particulares que defenden este espazo como público; chegando ao límite inimaxinable de non apoiar a moción aprobada no pleno do día 31 de maio do 2021 para respaldar a inclusión de dito recinto no Catálogo de Patrimonio”.