A Deputación anuncia un investimento de 400.000 euros para cumprir con esta demanda histórica // Durante séculos iluminouse con velas e lámpadas e na actualidade o Concello de Silleda usa un xerador de gasóleo para poñer en funcionamento as luminarias instaladas no recinto patrimonial TEXTO Sol Elvira

Chega a luz ó mosteiro de Carboeiro

Patrimonio
Sol Elvira

Ábrese unha nova etapa para Carboeiro. Tras séculos de iluminación con velas e lámpadas, a Deputación de Pontevedra anunciou esta fin de semana que acometerá as ansiadas obras para levar a luz eléctrica á contorna do mosteiro, unha demanda histórica que será solucionada pola institución provincial cun orzamento de 400.000 euros, e que suporá un paso enorme cara ás posibilidades de potenciar aínda máis un dos elementos patrimoniais máis relevantes de Galicia.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, presentaron o anteproxecto desta actuación que se levará a cabo no marco das obras que se van executar na EP-6502 Silleda-Castro-Merza e na EP-6505, que incluirán no só a instalación necesaria para a captación eléctrica que levará a corrente tras dúas décadas á espera dunha conexión, senón tamén a mellora de ambas as dúas estradas para facilitar a mobilidade peonil.

Silva, mostrou a súa satisfacción por poder confirmar unha nova tan salientable para Carboeiro e lembrou que “o Concello leva anos intentando facer que chegue a iluminación a esta xoia da provincia de Pontevedra situada no corazón da comarca de Deza”. Aínda así, sinalou que ”chama á atención que a administración competente na salvagarda do patrimonio, a Xunta, non fixera nunca este esforzo” xa que, asegurou, “o Mosteiro de Carboeiro ten un enorme poder de captación, atraendo miles de persoas, e con esta iluminación poderanse facer multitude de actividades culturais, tamén nocturnas”. Silva puxo en valor, “ademais do patrimonio arquitectónico moi salientable”, o atractivo natural da contorna. “Imos facer posible que a xente poida vir camiñando de forma segura a través destas dúas estradas provinciais que chegan ao mosteiro, con cunetas transitables a modo de sendas peonís, e gozando dunha contorna incomparable, sinalou.

Pola súa banda, o alcalde, Manuel Cuíña, lembrou que “fai a lo menos 20 anos que Carboeiro ten unha instalación eléctrica completa, faltaba podela conectar ”. Tras lembrar que “é un dos BIC máis antigos de Galicia e o máis visitado do norte da provincia”, asegurou que grazas a Deputación “teremos un dos paseos máis bonitos dos que se poderán facer desde Silleda”, ademais de poñer en valor o feito de que a chegada da electricidade suporá tamén melloras nas condicións de traballo do persoal, como o da oficina de Turismo Rías Baixas, “que por fin poderá ter calefacción”. Ata agora, cada vez que o Concello precisaba iluminar o recinto víase obrigado a contratar un xerador de gasóleo para poñer en funcionamento todas as luminarias.

A Deputación acometerá ademais a mellora do asfaltado e da sinalización das dúas estradas provinciais. Na EP-6502, desde o lugar de Carboeiriño, construiranse máis de 1350 metros de cunetas transitables que redundarán na mellora da mobilidade peonil, e na EP-6505 mellorarase a beirarrúa empedrada que leva ao mosteiro. O obxectivo final sería que toda a EP-6502 Silleda-Merza-O Castro conte cunha senda que una Silleda co mosteiro.