Música, ofrendas florais, poemas e certames na gran Festa das Letras

Vimianzo bailou ao ritmo das Tanxugueiras // En Noia lembraron a Florencio Delgado cun espectáculo de Serafín Marcos // Lousame volveu a reivindicar a figura do cura de Fruíme
Letras Galegas 2022
Manuel Lavandeira
Antón Sambade recibiu o premio do concurso de marcapáxinas de mans da concelleira Emilia Trillo. Foto: Rafa Quintáns

O Día das Letras Galegas foi celebrado con multitude de propostas lúdicas e culturais en todo o ámbito de Área de Compostela. Música, lectura de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, teatro, ofrendas florais, premios literarios e tamén actos reivindicativos encheron de contido a gran festividade do 17 de maio, na que se involucraron concellos, asociacións, colectivos culturais e sociais e a propia veciñanza da zona.

En Vimianzo poideron gozar, despois de ter que ser aprazado o luns debido ao forte vento, do concerto de Tanxugueiras, que foi seguido por unhas 3.000 persoas, que cantaron e bailaron con Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro na que foi a súa primeira actuación na Costa da Morte, enmarcada na Xira Midas.

As tres cantareiras deleitaron aos asistentes coa súa reinterpretación de sons dunha tradición milenaria, fusionándoa con ritmos urbanos que se atopan preto do trap ou da electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vogal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo: o trad.

En Cabana de Bergantiños, a Escola de Vela albergou unha xornada chea de actividades de diversas disciplinas culturais para todos os públicos. O Concerto das Letras, a cargo da vocalista de Luar na Lubre, Irma Macías, co acompañamento instrumental de Xaquín Rama, amenizou desde os primeiros compases da mañá a xornada. Despois, o alumnado da escola municipal de teatro interpretou ante todas as persoas congregadas a obra O parrulo e as flores, antes de render tributo ao autor homenaxeado deste ano, Florencio Delgado Gurriarán, coa lectura dalgúns dos seus versos máis senlleiros.

Desde o goberno local destacan a importancia deste tipo iniciativas “para reivindicar as nosas letras e achegar as diferentes vertentes culturais á veciñanza do municipio. É un verdadeiro pracer contar con profesionais da cultura e sobre todo coa implicación de todas as persoas que fixeron posible esta fantástica xornada’’, sinalan.

Pola súa banda, en Noia conmemoraron a festa das letras cunha ofrenda floral na Alameda ante os bustos de Antón Avilés de Taramancos e María Mariño.

Posteriormente, a choiva obrigou a trasladar o resto de actos ao Coliseo Noela. Alí o artista Serafín Marcos presentou o espectáculo Coa ledicia de voltar, no que lembrou ao escritor Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano. Tamén subiron ao escenario as integrantes da Escola de Danza Oitos, que ofreceron a montaxe O nacemento duns versos. As actividades remataron cun concerto a cargo da Banda de Música Cultural Vila de Noia.

En Lousame , un ano máis, o Concello reivindicou a dedicatoria dun Día das Letras Galegas á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme. Unha demanda reiterada durante a tradicional ofrenda floral diante do busto dedicado a Zernadas de Castro a carón da igrexa.

A ofrenda foi realizada pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen estivo acompañada polos concelleiros de Obras, Ramón Martínez Rial, e de Relacións Veciñais, José Antonio Ces Barreiro. Silvia Agrafojo sinala que “a nosa reivindicación é firme: Zernadas de Castro é a maior figura literaria galeguista do seu tempo e merece que se lle dedique un Día das Letras Galegas”.