Vinte e tres concellos da comarca reciben cento sesenta e oito mil euros para poder contratar vixiantes de instalacións acuáticas e praias fluviais // Outros cincocentos trinta e tres mil euros son para soldos de persoal técnico en corenta zonas TEXTO S. S.

Por fin cúmprese o soño: cartos para a seguridade e emprego no deporte

Piscinas
Suso Souto
Cristina Capelán, deputada provincial de Deportes, centro, durante a visita a unha entidade deportiva. Foto: D.C.

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña vén de publicar a concesión provisional das subvencións para os servizos de socorrismo dos concellos, que financia a Deputación da Coruña con 305.999 euros.

A través desta liña de axudas, 42 concellos do interior da provincia custearán os salarios dos socorristas que traballarán este verán nas piscinas, praias fluviais e outros espazos acuáticos municipais, como o Aquapark de Cerceda ou o lago das Pontes. As achegas van desde os 4.595 aos 9.984 euros, segundo as necesidades estimadas por cada municipio. As contratacións estenderanse por un máximo de tres meses.

Este programa, que se convoca cada ano, contribúe a xerar emprego durante a época estival e a manter a seguridade das persoas usuarias das piscinas públicas e praias fluviais. Ademais, este ano, os socorristas desenvolverán un importante papel para garantir que se cumpran as medidas hixiénicas e de seguridade nas instalacións acuáticas.

Así, no ámbito de Área de Santiago, A Baña recibe 6.822 €; Ames 9.918,36 €; Boqueixón 6.822 €; Brión 5.804,04 €; Coristanco 7.382,72 €; Frades 7.195,81 €; Lousame 6.822 €; Mazaricos 6.822 €; Melide 7.382,72 €; Negreira 5.390 € ; Ordes 9.918,36 €; Oroso 6.915,46 €; Padrón 6.915,46 €; O Pino 7.289,27 €; Rois 6.822 €; Teo 9.918,36 €; Tordoia 6.822 €; Touro 6.822 €; Trazo 6.822 €; Val do Dubra 6.822 €; Vedra 6.915, 46 €; Vimianzo 6.915,46 €; e Zas 8.161,27 €.

Por outra banda, o citado boletín publicou tamén a concesión definitiva das axudas que concede a institución provincial para a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos. Este ano, sesenta e nove municipios contratarán ou manterán no seu cadro de persoal a este tipo de profesionais grazas a este apoio económico, que achega un total de 905.000 euros para financiar este programa.

Así, asume ata o 80 % dos custos salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para aqueles municipios que optan pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Poden contratar tamén técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o vinte por cento restante do salario.

A deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, destacou que estas axudas “ademais de contribuír á xeración de emprego na provincia, permitindo a contratación de 69 persoas durante un período dun ano, facilitan tamén que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable e fomentar o deporte e a actividade física entre a poboación, especialmente nenos e maiores”.

En canto ás contías, no eido de Área percibirán 15.000 € Ames, Dodro, Ordes, Padrón, Rois, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Vedra, O Pino, Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Laxe, Malpica, Ponteceso, Vimianzo, A Pobra, Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Rianxo e Ribeira, mentres que obterán 10.000 Boqueixón, Frades, Melide, Oroso, Val do Dubra, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Muxía, Zas, Outes e O Son e 7.500 A Baña.