Recollen nunha mostra o baile e o canto tradicional malpicán

Pode verse na sala inaugurada no Centro de Artesanía de Buño // Raigañas, Malante e Carcaxía amenizaron o acto co seu arte
Patrimonio
Manuel Lavandeira
Eduardo Parga, terceiro pola esquerda, acompañado de concelleiros e integrantes das agrupacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía na nova sala expositiva. Foto: C. M.

O Centro de Artesanía e Tradición de Buño (antigo centro comarcal) estrou este martes a sala expositiva Non canto por cantar, a cal acolle, a través dunha escolma de imaxes e diversa documentación, o patrimonio inmaterial vinculado ao canto e ao baile tradicionais de Galicia e que en Malpica manteñen vivo grazas á implicación dos mozos e mozas da localidade.

Un espazo que foi inaugurado polo alcalde, Eduardo Parga, quen destacou “a importancia de ter presente a historia” e fixo entrega dun agasallo a Mar de Bouzas en recoñecemento “ao seu compromiso e traballo para a realización da mostra”, sinalou.

O rexedor estivo acompañado pola concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro; o tenente de alcalde, Miguel Fernández; e numerosos veciños e veciñas, que encheron a nova sala. O acto estivo amenizado polos membros das asociacións Raigañas, Malante e Carcaxía, que interpretaron varias pezas musicais e de baile tradicionais do concello de Malpica. Os asistentes ó acto gardaron tamén un sentido minuto de silencio na memoria do exalcalde Luis Cancela, falecido este martes.

A xornada conmemorativa do Día das Letras Galegas completouse coa representación do espectáculo familiar Rosalía, a cargo de Culturactiva. O escenario elixido foi o Ecomuseo Forno do Forte. Ademais, na Praza Anselmo Villar Amigo, da capital malpicana, Charo Pita ofreceu o concerto de música infantil titulado A familia Papaventos.

PINTURA. O venres, día 20, inaugurarase nas salas do Centro Cívico de Malpica a exposición de pintura Carrexadoras, da artista muxiana Viki Rivadulla. A mostra permanecerá aberta ao público ata o vindeiro día 30 de xuño.

E para rematar o mes das letras, a Asociación Cultural Caldeirón presentará o vindeiro día 27 as bases e a convocatoria do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O mencionado acto comezará ás 12.00 horas no salón de plenos da casa consistorial.

O pasado venres presentouse a obra que resultou gañadora do último certame, que ten por título Edénicas, e que leva a sinatura da escritora Andrea Fernández.