A Asociación Amigos da ponte de Ponte Ledesma deseñou un traxecto que vai de Merza, chega a Santiago e acaba na orixe // Está a ser examinado polo Instituto de Estudos do Territorio e a Federación Galega de Ciclismo TEXTO Alba Prada

Unha ruta para pedalear en Galicia

Rutas ciclistas
Alba Prada
Imaxe dunha bicicleta diante da ponte de Ponte Ledesma, no concello de Boqueixón. Foto: Alejandra Fernández

Nunca tan pouco socializamos e nunca tanto se botou man do formato virtual como medio para desenvolver iniciativas culturais. A pandemia deu un cambio de 180 grados aos nosos costumes, e boa parte das actividades anuais aínda están á espera de retomarse. A Asociación Amigos da ponte de Ponte Ledesma viu freada a súa programación e proxectos de futuro por esta causa, non obstante, as gañas deste pequeno colectivo, sen ánimo de lucro, seguen moi activas. E é que hai que lembrar que a entidade ten moito mérito, xa que está conformada por só tres mulleres que compaxinan esta ilusión cos seus quefaceres diarios: Natalí González, Alejandra Fernández e Araceli Illobre. Este ano as xa famosas visitas guiadas por Ponte Ledesma, dirixidas polo historiador e guía turístico, Suso Martínez, e que contan co financiamento dos Concellos de Boqueixón e Vila de Cruces, non puideron celebrarse, pero entre as tres decidiron pór en marcha unha proposta que si é “apta” para tempos pandémicos.

“Dende o Instituto de Estudos do Territorio (organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente) e a Federación Galega de Ciclismo están a facer un proxecto que busca dar a coñecer a nosa comunidade en bicicleta. En concreto, pedían que se enviasen rutas que tivesen interese paisaxístico e/ou histórico. Dende a asociación mandámoslle un itinerario que nos dixeron que estaban a valorar”, explica Natalí González. Esta alternativa que propoñen dende a entidade fíxose aproveitando un traballo que tiñan realizado sobre o paso do Camiño de Santiago pola aldea de Ponte Ledesma, en Boqueixón. Un proxecto que ademais puxeron en marcha animadas polo escritor Xosé Neira Vilas. “En concreto o estudo recolle o camiño popularmente coñecido como Ruta da Prata (Camiño Mozárabe). Axudadas por Xosé Neira Vilas fomos recompilando documentación que reflectía que, unha vez que chegaban a Lalín, moitos peregrinos seguían a súa ruta dirixíndose cara o Santuario de O Corpiño para posteriormente baixar por Merza e continuar por Ponte Ledesma e cruzar o Ulla. En Lalín pernoctaban na casa dos antepasados de Neira Vilas, e remataban en Compostela, cruzando a Porta de Mazarelos”, relata.

O traxecto que enviaron era nun principio lineal. “Dende o Instituto e a Federación pedíronnos que o fixésemos, se era posible, circular. Algo que ten moito sentido porque senón habería que dispoñer de dous coches: un para ir coas bicicletas ata Merza e outro que estivese agardando en Santiago”, indica González. É por iso que ao recorrido inicial lle engadiron unha opción de regreso.

En definitiva esta ruta ciclista á espera de formar parte da guía para descubrir Galicia en bicicleta arranca da Área recreativa da Carixa (Merza). A seguinte aldea da ruta é Bascuas dende onde se encamiñarán os pasos ata Camanzo. Seguidamente chegaríase á ponte de Ponte Ledesma . “Está situada ao carón dun auténtico paraíso natural que sería o arquipélago de ínsuas poboadas con carballos que forma o río Ulla e que se coñecen como as Ínsuas de Gres”, explican. Testemuña de numerosos feitos históricos, un dos máis documentados é a batalla que alí tivo lugar en marzo do ano 1809 e na que se enfrontaron 2.500 labregos contra outros tantos soldados do exército de Napoleón e na que, contra todo pronóstico, os primeiros resultaron vencedores. Batalla que precisamente ilustra a asociación de Natalí, Alejandra e Araceli co historiador e guía Suso Martínez. De seguido chégase a Santa Mariña de Sucira e seguindo a estrada que circula paralela ao Ulla acábase en Donas. Dende alí, pasaríase por Codeso e ata O Forte. Logo comeza o descenso cara Rodiño e de seguido o ciclista enfrontaríase a unha subida polo monte Rubio. Pásase a parroquia de Aríns e éntrase en Sar ata acabar no centro de Santiago, atravesando a Porta de Mazarelos. Neste punto é onde engadiron un regreso para facer circular o percorrido. “Non o puidemos enviar en formato GPX, pero agardamos que aproben o conxunto do plan”, sinala Natalí. A idea é saír de Compostela pola N-525 dirección Lestedo (e ver o Pico Sacro, o Pazo de Santa Cruz ou o Pazo de Oca) e unha vez se chega a Bandeira, seguir por estradas secundarias para acabar na área recreativa da Carixa, o punto de partida, e o final deste percorrido.