María Dolores Rodríguez, nova presidenta do Comité Galego de Xustiza Deportiva

Deporte
El Correo Gallego
Reunión telemática entre Lete Lasa e as federacións autonómicas.

Santiago. O novo Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) constituíuse onte logo de catro anos sen renovarse. Por primeira vez este órgano estará presidido por unha muller, a avogada viguesa María Dolores Rodríguez, que xa exercera de vogal nos pasados oitos anos. Substitúe no cargo a Miguel Juane.

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte da Xunta, participou no acto de constitución e aplaudiu a maior presenza feminina pois foron nomeadas as letradas Beatriz Seijo e Carmen López. “É unha excelente nova xa que os órganos decisorios deben de velar pola igualdade efectiva entre homes e mulleres”, salientou Lete na reunión, onde tamén recoñeceu o traballo e esforzo do presidente saínte do órgano “por un deporte galego limpo e ordenado”, pois resolvéronse máis de 350 expedientes en catro anos. Completan este novo Comité os catedráticos de dereito civil Ángel Luis Rebolledo Varela e Domingo Bello Janeiro.

O secretario xeral tamén incidiu en que o CGXD impulsará a súa sección arbitral para solucionar extraxudicialmente aqueles conflitos inherentes á actividade deportiva e que non estean incluídos entre as potestades delegadas públicas. Así, o seu grande obxectivo será mediar en conflitos de carácter deportivo dos que non ten coñecemento o Comité Galego de Xustiza Deportiva. REDACCIÓN