Cultura protexe a biblioteca de Pardo Bazán ao incoarse o BIC

Publicouse no DOG o expediente para a declaración, pero a tutela é inmediata // A Real Academia Galega mostra satisfacción ao cumprirse a súa demanda
Juicio propiedad Pazo de Meirás
Alberto Martínez
Imaxe histórica da fachada das Torres de Meirás, con invitados da condesa no xardín. Foto: Casa Museo Emilia Pardo Bazán

Coa publicación este mércores no Diario Oficial de Galicia do expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca da condesa Emilia Pardo Bazán, aplicarase de xeito provisional o réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a protección dun total de 10.855 volumes da colección da escritora.

Ao respecto a Real Academia Galega manifesta a súa satisfacción pola publicación da resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e agarda que este paso permita ademais reunir en breve o conxunto deste patrimonio bibliográfico na súa sede, na rúa Tabernas 11 da Coruña, no que foi o fogar da escritora, e poñelo a disposición da comunidade investigadora.

A Consellería de Cultura informa que a declaración como BIC afecta a 7.883 libros que están custodiados na sede da Real Academia Galega (RAG), mentres que 2.972 rexistros continúan no interior das Torres de Meirás. Ademais, a resolución contempla a posibilidade de que a este número poidan sumarse outros que, segundo a documentación achegada pola RAG na súa solicitude, poderían estar actualmente en localizacións descoñecidas.

Por outra banda, o expediente recolle que todos os libros pertencentes a esta biblioteca posúen un cuño de cor vermella cumprimentado a man coa situación topográfica dos exemplares, encargado polo primoxénito da escritora, que permite reconstruír a colocación dos volumes nas diferentes estancias do edificio. Este cuño corresponde a un ficheiro alfabético organizado por autores e almacenado na biblioteca da planta baixa das Torres de Meirás.

“É unha excelente noticia que a Xunta recoñeza a demanda da Real Academia Galega a prol da consideración da biblioteca de Pardo Bazán como ben de interese cultural. Protexemos deste xeito un patrimonio de todos os galegos e do que a RAG é depositaria”, manifestou o seu presidente, Víctor Freixanes.

Con todo, recoñece a preocupación da Academia pola situación dos fondos bibliográficos da condesa que ficaron nas Torres de Meirás. “Eses libros tamén forman parte do patrimonio intelectual da autora, e a RAG reivindica os seus libros, que forman parte da intrahistoria, a crónica intelectual de Emilia Pardo Bazán, coa memoria dos seus autores preferidos”, salientou Freixanes.

Pola súa banda, Marilar Aleixandre, representante da RAG na Xunta Pro-Devolución do Pazo e coordinadora da programación que en 2021 recordará á autora co gallo do centenario do seu pasamento, sinalou que “a valía destes volumes é sobre todo a información sobre as lecturas e os intereses de Emilia Pardo Bazán, autodidacta que loitou toda a súa vida para que as mulleres puidesen cursar estudos de secundaria e universitarios, o que non ocorreu en España até 1910”.