O Estado evitou pagar en dez anos case mil millóns pola dependencia

Segundo a Lei nacional ten que aboar o 50% do custe // O ano que máis pagou foi o 2010, o 29 % // No mes de xullo eran 61.976 os dependentes atendidos
Salomé Barba
coidados. Unha señora maior dependente, na súa cadeira de rodas. Foto: Fernando Blanco

A Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia de España, máis coñecida como Lei de Dependencia, naceu falta de orzamentos para cumprir con todo o que nela se estipula. E segue así.

A propia norma indica que o Goberno central, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, aboará ás comunidades autónomas o 50 % do custe das prestacións e servizos, pero este suposto nunca se chegou a cumprir. De feito, tomado só as cifras da última década, o Estado débelle a Galicia preto de mil millóns de euros para dependencia. Según os datos aportados a este diario pola Consellería de Política Social, departamento autonómico responsable, dos últimos dez anos o exercizo en que máis porcentaxe se aportou desde o Executivo central foi o 2010, cando chegou ao 29 % do gasto totala ao aportar 80 millóns de euros.

A partir dese ano, a porcentaxe non fixo máis que baixar. O ano seguinte caeu ata so o 20 % para recuperarse tímidamente, con altibaixos. No último exercizo, o dopresente ano 2020, o Estado achega tan só o 24 %, un total de 92 millóns de euros. O resto dos cartos que son precisos para sufragar a lei, tendo en conta só o gasto público, saen da Xunta. No 2010 aportaba o 71 % e neste 2020, o 76 %.

Así, ademais dos 58 millóns que non chegaron desde Madrid en 2010; en 2011 faltaron 90; 84, en 2012; 84,5, en 2013, 83, en 2014; 84, en 2015; 79,6, en 2016; 84,5, en 2017; 92,2, en 2018; 94,5, en 2019, e 99,6, no ano 2020, segundo os datos aportados pola propia Consellería.

Fontes deste departamento autonómico aseguran que “queda “moito por facer”, pero a Xunta seguirá demandando ao Goberno central que cumpra coa Lei de Dependencia e invista os 200 millóns de euros anuais que debe a Galicia”, o que suporía “un impulso histórico á atención á dependencia”.

Segundo o XX Ditame do Observatorio, de febreiro deste ano, elaborado pola Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, a distribución do gasto neto do Sistema de Dependencia na comunidade galega repártese da seguinte maneira: a Xunta aporta o 62,6 %; a Administración Xeral do Estado, o 19,3 %, e o restante 18,1 % é aboado polos propios usuarios dos servizos ou centros de dependencia mediante o copago.

crecen os gastos e as persoas atendidas Dende a súa creación, o Sistema de Dependencia non fixo máis que crecer, ao aumentar as solicitudes e as persoas atendidas polo mesmo, e, polo tanto, o custe cada ano é maior. De feito, no 2016 eran 49.101 persoas dependentes atendidas na comunidade galega pola Lei de Dependencia. A cifra asecendeu a 55.370 no 2017; 60.099, no 2018, e a 61.632, no 2019. No presente ano os atendidos ata o mes de xullo son 61.976.

Se no 2010 a Xunta aportaba 195,6 millóns, neste ano o investido desde Galicia ascende a 291 millóns, frente a os 92 do Estado. O custe ano a ano na comunidade galega aumentou desde os 275,5 millóns que supoñía no 2010 ata os 310,6 do 2015 ou os 383 desde mesmo ano 2020.

Dá 92 millóns pero ingresa case 167 Según o XX Ditame do Observatorio da Asociación de Directores de Servizos Sociais, feito con datos do 2019, a Xunta aportou ao Sistema de Dependencia 299 millóns e o Estado 92,4, o 24 % do gasto total. Pero a Administración Xeral do Estado obtén un retornos económicos superiores a os 166 millóns por estes servizos.

Isto é posible porque Galicia apostou nos últimos anos por servizos altamente xeradores de emprego, como son os de Axuda no Fogar, chegando no 2019 aos 17.668 postos de traballo directos no sector da dependencia. Estos empregos xeran cotizacións á Seguridade Social, IRPF dos traballadores e recaudación do IVE polos servizos prestados, cunha taxa de recuperación do gasto público do 42,48 % do investido, e que percibe, fundamentalmente, a Administración Xeral do Estado pola vía impositiva. No 2019 foron 166,6 millóns.