No marco deste programa da Deputación os municipios recibirán case 33 millóns e medio de euros // Muxía é o concello que máis postos de traballo vai xerar, seguido de Cabana de Bergantiños // A Pobra, Rianxo, Cee, A Laracha, Ordes, Padrón e Teo posúen as achegas máis cuantiosas TEXTO A. Prada-J.M. Ramos

Área sumará 349 empregos co PEL

Emprego
Alba Prada
Valentín González Formoso, centro, durante a presentación do programa PEL-Reactiva. Foto: D. A Coruña

A Deputación da Coruña publicou no BOP (Boletín Oficial da Provincia) a resolución da concesión das axudas do programa PEL-Concellos, que na anualidade 2021 destinará o dobre de fondos respecto ás convocatorias dos anos anteriores, chegando así a 6 millóns de euros en axudas para contratar persoal que execute as obras e servizos municipais dos 82 municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes.

O presidente da institución, Valentín González Formoso, anunciou que con ditos fondos “os concellos crearán este ano un total de 593 empregos nun contexto socioecomómico especialmente difícil, marcado polas consecuencias da pandemia da COVID”. De aí que, entre as tarefas a prestar polo persoal contratado, se inclúan este ano dúas adicionais: a de conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación Infantil, Primaria ou especial e as tarefas de protección da salubridade pública.

No caso concreto da área compostelá, os municipios da zona do Barbanza percibirán destas axudas un total de 798. 445,67 euros, o que implicará a creación de 62 novos empregos. No caso de Costa da Morte os traballos xerados son 134 e o montante global é de 1.125.699,96 euros. Pola súa banda, a comarca de Santiago será a máis beneficiada cunha achega de 1.563.938,51 € da Deputación e un total de 153 empregos creados. Tendo en conta os datos, o cómputo total de axudas en Área de Compostela no marco deste programa é de 3.488.084,14 € e o número de traballos acada os 349.

En canto á distribución por municipios da oferta de novos postos de traballo destacan Muxía, que realizará 16 contratacións; Cabana de Bergantiños, que contratará a 14 persoas; A Laracha a 13; Dumbría a 12 e os concellos de Padrón, Santa Comba, Ares, Cee e Noia, que proporcionarán un emprego a 11 persoas cada un. Por comarcas, a de Santiago é a que máis postos laborais creará, cun total de 159, o que supón o 27 % de todas as contratacións a realizar ao abeiro de PEL-Concellos Reactiva, seguida da comarca de Carballo, con 140 novos empregos (que supón un 23 %).

En canto á distribución dos case tres millóns e medio de euros na área compostelá, esta realizouse seguindo obxectivos, atendendo á porcentaxe resultante de dividir o número de persoas desempregadas no concello entre o número de desempregados na totalidade dos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes. Así, entre os que se beneficiarán das achegas máis cuantiosas (que oscilan entre os 104.000 e os 38.000 euros, o dobre que o ano pasado) poden destacarse A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Cee, A Laracha, Ordes, Padrón e Teo.

Grazas a este incremento de fondos propios da Deputación destinados a PEL-Concellos, un total de 593 desempregados de toda a provincia contarán cun posto relacionado co desenvolvemento de servizos municipais: mantemento de alumeado público, recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento de auga potable e redes de sumidoiros, melloras nos acceso aos núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas, mantemento de parques e xardíns, tratamento de residuos, ademais dos xa ditos de protección da salubridade pública e vixilancia dos centros de ensino.

areadecompostela@elcorreogallego.es