O veciño e escritor Manuel Lourenzo Baleirón considera que recuperar os seus uso é complexo porque non hai gando pero ocórreselle que pode recobrar vida como espazo natural

Brañas de Laíño: unha das zonas húmidas máis grandes de Galicia convertida nunha selva abandonada

Espazos naturais
Lorena Rey
O escritor e veciño de Dodro, Manuel Lourenzo Baleirón. Foto: Cedida / Arquivo

En todos os municipios hai un ou diversos espazos que os identifican. No caso de Dodro, as Brañas de Laíño son todo un referente.

A estrada comarcal que vai dende Padrón ata Ribeira cruza o concello de Dodro, pasando por Lestrove, Dodro, Laíño e Imo. A extensión que hai entre a vía e o río Ulla son brañais, é dicir, zonas moi húmidas que se cubrían de auga como consecuencia da subida da marea no río. Como o seu nome indica, as Brañas de Laíño atópanse na parroquia de Laíño. Ata os anos 80, a metade da superficie que estaba máis na beira do río era espazo brañal común e a outra metade eran leiras particulares, que recibían o nome de campías. Teñen unha lonxitude de aproximadamente un kilómetro e unha superficie de 80 hectáreas. Éstas son as que teñen identidade histórica dende o século XVI e ten significado a nivel de todo o Estado.

Manuel Lorenzo Baleirón, escritor, profesor e veciño de Dodro coñece moi ben a historia das Brañas de Laíño xa que cando escribiu Toponimia de Dodro e de Laíño: os nomes na auga, publicado polo Concello en 2011, documentárase bastante sobre o tema. O escritor fálanos da existencia dun documento da Academia de Agricultura do Reino de Galicia, do ano 1787 referente ao gando das Brañas de Laíño: “sólo con el ganado vacuno que engorda y mantiene abastece no solo a mucha parte de Galicia sino a muchas ciudades y villas de Castilla”. A súa importancia histórica tamén aparece reflexada en diversas cantigas populares como pode ser o poema de Rosalía de Castro, do cal os versos iniciais foran recollidos pola xente. “Cómo chove miudiño,cómo miudiño chove;cómo chove miudiño pola banda de Laíño,pola banda de Lestrove”. Según nos detalla Baleirón, o recoñecido escritor Bouza Brey comentou no seu momento que a copla orixinal dicía “pola braña de Laíño, pola braña de Lestrove”.

A relevancia das Brañas aumenta no século XIX e recóllese en moitos diccionarios.

CIFRA CONSIDERABLE DE BOIS E VACAS. Por outra banda, tiñan moito valor os bois do lugar, considerados os mellores de Galicia. A súa carne tiña moita fama e enviábase a Madrid e Inglaterra, entre outras cidades. “A mediados do século XVIII había preto de 400 bois”, conta o autor.

Dodro era terra de vacas e de leite. De feito no 1927 creouse a Cooperativa de Produtores de Laíño, que chegou a vender 400.000 litros de leite anuais, e a comezos da década de 1930 apareceu Unión Leiteira. Ambas eran un exemplo de produción e cooperativismo agrario en todo o país, pero comezaron a xurdir problemáticas entre elas e coa Guerra Civil desapareceron.

A partir dese momento, moitas leiteiras continuaron levando leite a outros municipios cercanos. “Teño 63 anos e recordo que a finais dos sesenta a Braña estaba toda apañada. Viña xente de fóra que non tiña moitas leiras para coller herba e carrexábana en cestos de aro á cabeza”, conta o dodrense, que tamén realizou ditos traballos de pequeno.

Anos máis tarde, o espazo perdeu os seus usos agrícolas xa que as vacas comezaron a desaparecer paulatinamente. Ademais, a principios dos 90, cando xa existía a Lei de Costas, entregáronse as leiras da parcelaria á xente. Como aínda se dependía destes terreos de cultivo para vivir, os cidadáns solicitou as da Braña xa que eran de primeira calidade. “As leiras que tiñamos na Braña dóunalas a parcelaria sabendo que xa non se podían repartir porque eran de Costas. Hai xente que só ten terreos alí e desta maneira quedou sen eles”, explica.

NECESARIA INTERVENCIÓN. Na actualidade o estado das Brañas é peor, o que Manuel Baleirón identifica como unha selva.

Os veciños e veciñas reclamaron no seu momento unha intervención, pero non houbo resposta. “Debería de ser un pequeno parque natural, con camiños peatonais e accesos en barco e cun centro de interpretación de aves”, considera. No lugar destaca unha especie de paxaro moi peculiar: a escribenta das canaveiras. No ano 2005 había en toda España 70 parellas e do total, 15 estaban na Braña. No 2019 só quedaban 17 parellas en Galicia e desas 1-2 nas Brañas de Laíño, unha zona que destaca pola diversidade de fauna e vexetación.