Son obxecto das axudas dos programas Pel-Relevo e Pel-Rurinnova da Deputación un total de 32 concellos da área compostelá // Están dirixidas a menores de trinta anos e pretenden facer fronte ao declive demográfico dos pequenos municipios // O orzamento é de 921.000 euros TEXTO A. Prada

Emprego para os mozos do rural

Emprendemento
Alba Prada
José Ramón López Riobóo, deputado de Emprego da Deputación da Coruña, na presentación. Foto: D.A.C.

Queda aberto dende hoxe o prazo para solicitar as axudas PEL-Relevo e PEL-Rurinnova dirixidas a menores de 30 anos. A través delas, a Deputación da Coruña persegue a creación de emprego e a posta en marcha de proxectos empresariais novos no ámbito rural. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte a convocatoria destas dúas liñas de axuda enmarcadas no Plan de Emprego Local (PEL), que contan cun orzamento de 921.000 €, do que o 80 % está subvencionado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil, Fondo Social Europeo.

“Ambos programas demostraron ser de enorme utilidade á hora de fixar a poboación nas zonas máis rurais e contribuír ao seu desenvolvemento a través do apoio ao emprendemento da mocidade”, indica o deputado de Emprego do ente provincial, José Ramón Riobóo, que insiste en que as axudas “responden a un dos obxectivos estratéxicos do goberno provincial presidido por Valentín González Formoso: facer fronte ao declive demográfico que experimenta o rural galego, ofrecendo unha oportunidade á mocidade que aposta por quedarse no seu pobo e por crear aí o seu proxecto vital e laboral”, afirma.

A liña de axudas PEL-Relevo, que ten un orzamento total de 432.000 euros, permitirá subvencionar a contratación de 80 mozos e mozas menores de 30 anos nas empresas e microempresas dos municipios aos que se dirixe o programa. As contías a conceder poderán oscilar entre un mínimo de 2.700 euros e un máximo de 28.500. As achegas, segundo recalcan dende o ente provincial, estarán limitadas ás empresas que realicen contratacións indefinidas a tempo completo e é requisito fundamental para a mocidade contratada “estar inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e estar empadroada nun dos municipios coas características poboacionais definidas con anterioridade”, apuntan ao respecto dende a Deputación.

Pola súa banda, PEL-Rurinnova destinará 489.000 euros para o fomento do autoemprego e a creación de empresas a través de accións dirixidas ao desenvolvemento de iniciativas empresariais por parte dos menores de 30 anos. As contías poderán oscilar entre un mínimo de 4.050 euros e un máximo de 8.100 € por alta. “A Deputación continúa co seu apoio ao emprendemento sostible, e por este motivo dará prioridade de acceso a esta liña de subvencións aos proxectos que potencien a economía verde, azul ou circular e que conten con medidas de desenvolvemento sostible”, sinalan dende o citado ente provincial.

Insisten en que as axudas poden ser solicitadas por empresas e persoas emprendedoras de calquera dos concellos coruñeses que conten con menos de 5.000 habitantes, ou con menos de 10.000 e que presenten un saldo demográfico negativo.

Dentro da área compostelá son un total de 32 os municipios aos que se dirixen as subvencións desta convocatoria: Dodro, O Pino, Arzúa, A Pobra do Caramiñal, A Baña, Dumbría, Rois, Camariñas, Ponteceso, Fisterra, Boqueixón, Frades, Cee Porto do Son, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Santa Comba, Lousame, Melide, Vedra, Tordoia, Vimianzo, Mazaricos, Touro, Muros, Trazo, Val do Dubra, Outes, Corcubión, Muxía, Zas e Padrón.

As solicitudes poderán realizarse a través da plataforma electrónica Subtel da Deputación da Coruña.