Once mozos estudan o Castro Lupario en Rois

Patrimonio
Alba Prada
En primeiro plano Ramón Tojo e Cristina Pichel durante a visita de onte. Foto: Concello de Rois

ROIS. Este mércores arrancaba o primeiro día de traballo do campo de voluntariado do Castro Lupario. E con ese motivo os participantes recibiron a visita da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e do alcalde de Rois, Ramón Tojo, que se encargaron de inauguralo. Traballarán once mozas e mozos de entre 18 e 30 anos ata o vindeiro 21 de agosto e estarán supervisados por unha directora de campo, dous arqueólogos e dous monitores. As principais tarefas que desenvolverán os voluntarios neste castro no que a lenda sitúa o castelo da raíña Lupa serán de estudo de restos e de limpeza na parte exterior da muralla, sobre todo na zona sur, coa idea de identificar cal era a forma que tiña. A presenza dunha moza de Sevilla entre unha gran maioría de integrantes galegos marca neste campo de Castro Lupario a volta dos intercambios nacionais, logo dos peches perimetrais entre comunidades do 2020. A.P.