na vila //O Camiño e o talento local tamén están simbolizados TEXTO Alba Prada

Vedra rende homenaxe á flor da camelia cun monumento

Homenaxe
Alba Prada
Pola esquerda, Iván Raña, Carlos Martínez, Alfonso Rueda e Cándido Pazos xunto á nova escultura, onte na inauguración. Foto: C. Vedra

A pesar das duras restricións que a pandemia está a impoñer no día a día, dende Vedra quixeron animar aos veciños e aos futuros peregrinos que pasen polo municipio inaugurando unha escultura adicada á flor da camelia do seu artista local máis internacional: Cándido Pazos, que forma parte do club dos Gallegos del Año, premio que otorga EL CORREO GALLEGO.

A escultura está ubicada no entorno da reitoral de Ponte Ulla, fronte á igrexa, precisamente no punto polo que os peregrinos entran en Vedra. O monumento de Cándido Pazos reúne tres ingredientes representativos do municipio: o Camiño, a camelia e o talento local. O artista, autor de pezas como a Porta de Europa en Santiago ou as Esferas Armilares do Parlamento Europeo, inspirouse, segundo dixo, nunha camelia do seu propio xardín. A flor foi coidada durante os últimos cincuenta anos, e é froito da fusión doutras tres. O nome é Camelia Xacobea.

No acto inaugural de onte non faltou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou do escultor vedrés a súa contribución para realzar o papel do concello na Ruta dos Xardíns da Camelia de Galicia e na difusión da tradición xacobea a través de moitas das súas esculturas.

Durante a visita, Rueda sinalou que o municipio conta no pazo de Santa Cruz de Rivadulla cun dos doce parques da Ruta da Camelia, que ao mesmo tempo é un dos cinco Xardíns de Excelencia Internacional da Camelia. Nesta liña, incidiu na importancia de dito itinerario por parques, xardíns e pazos de distintas localidades galegas “para promocionar un recurso turístico único en Galicia como reclamo fóra da tempada alta co que, por tanto, desestacionalizar o turismo”.

Ademais, trátase dun produto diferenciador e símbolo de identidade de Galicia que axuda a pór en valor o patrimonio natural e botánico da comunidade, e se converte en fío condutor para descubrir tamén o patrimonio histórico, cultural, artístico e mesmo enogastronómico. Para o vicepresidente primeiro da Xunta supón “unha experiencia que reúne os elementos nos que se sustenta o modelo turístico galego e que son cada vez máis demandados polosturistas na actual situación marcada pola COVID, é dicir, espazos naturais abertos e non masificados”.

Alfonso Rueda lembrou “o traballo levado a cabo pola Xunta nos últimos anos para conseguir unha sinalización turística propia para este circuíto e a súa regulación este ano coa constitución do Comité Camelia Galicia” co obxectivo de velar pola calidade dos xardíns e avaliar a posible incorporación de novos espazos. Rueda tamén apelou en Vedra, concello polo que pasan o Camiño do Inverno e a Vía da Prata, a implicación dos municipios na organización do mellor dos Xacobeos posibles que, pese á COVID, “manterá o seu esplendor con actividades máis pegadas ao terreo e descentralizadas por toda a xeografía galega”.

Rueda visitou asemade a ruta e a área de interpretación dos muíños da vila para uso de veciños, turistas e peregrinos. A Xunta colabora co Concello de Vedra no acondicionamento deste itinerario para consolidar o turismo desas zonas alzando a súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.