Axudas a Cee e Dumbría para avanzar na loita contra o feísmo

Patrimonio
Manuel Lavandeira
En Dumbría pintarán o cerramento do campo de fútbol do Conco. Foto: Xunta

Cee. A Xunta concedeu dúas axudas por máis de 28.000 euros aos concellos de Cee e Dumbría para corrixir impactos paisaxísticos nos equipamentos e edificios públicos do municipio. Concretamente, no caso de Dumbría recibirá 15.822 euros para actuar no peche perimetral do campo de fútbol municipal do Conco. Levarase a cabo o recebado e pintado da totalidade do cerramento do campo e ademais proponse a demolición parcial do muro nun treito reducindo a súa altura, mudando esta parte por unha de lamas verticais de aceiro.

No caso de Cee a Xunta financiará con 12.695 euros a recuperación do lavadoiro próximo ao conxunto etnográfico de Morancelle. A contorna do citado lavadoiro atópase moi deteriorada.

O proxecto aprobado contempla a limpeza e lavado tanto dese elemento como dos parámetros da contorna, selado das fendas no tanque de auga, recebado e substitución dos desaugadoiros e arquetas. Ademais, procederase á demolición da pavimentación actual para proceder á construción dunha soleira rematada con pedra irregular semellante á da contorna.

O obxectivo é avanzar na loita contra o feísmo nos concellos de menos de vinte mil habitantes. M. LAVANDEIRA