Sendeirismo, roteiros para bicicletas BTT e escalada impulsarán o Explora 10

Involucrará a dez concellos da Costa da Morte coa fin de potenciar un turismo máis vinculado ao deporte
Deportes
Jose Manuel Ramos
Mónica Rodríguez, esquerda, Inés Santé, Sandra Insua, Sergio Caamaño, Encarna Liñeiro e Fabián Canosa. Foto: C. C.

Camariñas. O Concello de Camariñas impulsa o proxecto ‘Explora 10’, unha iniciativa na que se implicaron outros nove municipios e que ten a misión de estruturar, organizar e potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte a través de actividades que xa están a desenvolver.

O recentemente presentado Camariñas Explora foi a semente desta iniciativa que “fai especial fincapé na unión de dez concellos para unha maior potenciación turística e deportiva da bisbarra, imitando a outros proxectos en común nos que os éxitos son palpables como é o caso do programa de carreiras Correndo pola Costa da Morte", explica o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa.

Está previsto que o proxecto Explora 10 se desenvolva en diferentes fases, con obxectivos a curto e a medio ou longo prazo. Para este ano 2021 preténdese a creación dunha rede de sendeiros xa existentes ou de nova creación en cada un dos dez concellos, buscando unha promoción do territorio en conxunto, así como o deseño dun gran sendeiro para bicicletas BTT da Costa da Morte, cunha conexión entre os 10 concellos implicados utilizando como base os programas elaborados xa por cada municipio. Asemade tentarán pór en valor a escalada, que na actualidade conta con zonas de prácticas xa fixadas en cada un dos concellos.

A medio e longo prazo, a intención dos promotores do proxecto é elaborar un circuíto de carreiras populares para promover a práctica da actividade físico-deportiva entre toda a poboación e promocionar turística e economicamente a Costa da Morte; dar visibilidade e promocionar as actividades acuáticas que xa se están a desenvolver nos ríos e no mar, como vela lixeira, piragüismo, surf, kaiaks, travesías a nado ou paddle surf. J. M. RAMOS