A Pobra capacitou a nove mulleres no eido das novas tecnoloxías

Formáronse en competencias dixitais // Farán itinerarios personalizados de inserción laboral
Emprego
Suso Souto
DIPLOMAS. As nove participantes recibiron os diplomas acreditativos do curso. Foto: C.P.

A Casa da Mocidade da Pobra do Caramiñal albergou entre o día trinta de novembro e o catro de decembro o programa Muller TIC, unhas xornadas formativas dirixidas a mulleres na busca de emprego mediante a utilización das novas tecnoloxías.

As nove participantes nesta iniciativa recibiron os diplomas acreditativos dunha acción formativa que se desenvolveu na modalidade presencial, cun total de vinte horas. A docente Paula Barreiro foi a encargada de impartir as clases en base aos seguintes módulos: Emprego Galicia (oficina virtual, certificados de profesionalidade, obradoiros duais, emprego protexido, etc.); competencias dixitais básicas orientadas á mellora da empregabilidade (crear cartafois, gardar ficheiros, achegar ficheiros por correo electrónico e funcións básicas do procesador de textos); e ferramentas de busca de emprego (autocoñecemento (competencias profesionais), perfil profesional e obxectivo profesional, currículo 2.0 e carta de presentación, portais de emprego, empresas de traballo temporal, autocandidaturas, rede de contactos, redes sociais e emprego público. Ademais, nos próximos meses as participantes farán un itinerario personalizado de inserción laboral (IPI). Organizado pola concellería de Servizos Sociais que dirixe a nacionalista Amparo Cerecedo, este proxecto enmárcase na Rede Araña e está cofinanciado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

CONCILIACIÓN. Por outra banda, o Concello pobrense ofrece, a través da concellería de Igualdade, uns obradoiros de conciliación na xornada deste luns día sete de decembro. Trátase dunha proposta municipal que se leva realizando dende hai catro anos e cuxo obxectivo reside en favorecer a conciliación familiar e laboral das persoas participantes. Estas actividades desenvolveranse no C.E.P. Salustiano Rey Eiras, en horario de 09.00 a 14.00 horas, e están dirixidas a crianzas nadas entre os anos 2009 e 2017.

O prezo é de tres euros por nena/neno, aplicándose un desconto do cincuenta por cento á segunda irmá ou irmán. Será de balde para o/a terceiro/a. Ademais, inclúe o Servizo de Madrugadores, cuxo custo será dun euro pola entrada do cativo/cativa a partir das 08.00, e de 1,50 euros dende as 07.30 horas.

Tamén haberá a prestación de comedor, que funcionará entre as 14.00 e as 16.00 horas, para darlle maiores facilidades ás familias usuarias.