Boiro contratará a catro peóns para manter redes de servizos e accesos

Poden optar ás prazas os maiores de 45 anos, vítimas de violencia, con discapacidade, etc.
Emprego
Suso Souto
Fachada da casa consistorial de Boiro. Foto: Suso Souto

Boiro. O Concello de Boiro recibiu unha subvención de 103.996 € da Deputación da Coruña para contratar a catro peóns destinados a servizos varios. En concreto, farán tarefas de mellora na rede de sumidoiros, en accesos a núcleos de poboación e pavimentación das vías públicas.

O total de horas previstas de traballo é de 7.835. Os aspirantes a estes postos deberán estar en situación de desemprego e atoparse nalgunha das seguintes situacións de exclusión laboral: ser maior de 45 anos, ser persoas desempregadas de longa duración, discapacidade, vítimas de violencia ou situación de drogodependencia.

O proceso selectivo para a presentación de solicitudes abrirase nas vindeiras semanas e as bases publicaranse a través da web municipal.

O Programa de Integración Laboral mediante a execución de obras e servizos mínimos municipais está integrado no Plan de Emprego Local e ten como obxectivo contribuír á formación de emprego e actividade económica, á fixación de poboación nos concellos e ao crecemento sostible dos mesmos. A súa finalidade é fomentar o emprego mediante a contratación de persoal en situación de exclusión laboral. s. s.