Ciclo na Pobra sobre a astronomía, a música e o patrimonio industrial

O auditorio acollerá en abril o curso Camiños de coñecemento e experiencia da USC
Formación
Suso Souto
A edil de Cultura da Pobra, Patricia Lojo; o alcalde, Lois Piñeiro; e a técnica de Cultura, Fita Sanisidro, na presentación do programa. Foto: C.P.

A Pobra. O programa da Universidade de Santiago Camiños de coñecemento e experiencia achega por cuarto ano consecutivo unha atractiva oferta formativa á veciñanza maior de 50 anos da Pobra, nesta ocasión centrada nas temáticas do patrimonio industrial, a música clásica galega e a astronomía.

O día 19 de abril terá lugar o seminario Revisando a historia dende unha perspectiva local (II): o patrimonio industrial e as memorias da experiencia laboral no estudo da modernización das vilas costeiras de Galicia nos séculos XIX e XX, da man de Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó, que o día 26 guiarán unha visita ao Museo Anfaco da Conserva, en Vigo.

O día 21 será a quenda de Laura Touriñán Morandeira co seminario Marcial del Adalid y Gurrea (1826-1881). Un capítulo único da nosa Historia de Galicia e da nosa historia da música clásica galega. Na xornada seguinte realizarase a parte práctica.

José Ramón González Romay será o encargado de impartir o coloquio O sistema solar e a Vía Láctea o día 28, que proseguirá o 30 coa parte práctica a través dunha observación astronómica nocturna, á cal se sumará Pedro Pablo Campo Díaz.

As clases terán lugar en horario de 16.30 a 18.00 horas no auditorio do museo. Inscricións no 981 831 545. s. s.