Premian a traxectoria da expatrona de Cabo de Cruz, Raquel Souto

Recibiu o galardón Muller Salgada, que por primeiro ano outorga a Asociación Mulleres do Mar de Arousa
Día Internacional de la Mujer
Suso Souto
ACTO. Rosa Quintana, esquerda, entregándolle o premio Muller Salgada a Raquel Souto Miguens. Foto: Xunta

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este sábado a importancia da unidade feminina para reivindicar e visibilizar o papel da muller no mundo do mar. Así o expuxo durante o acto de entrega do I Premio Muller Salgada, creado pola Asociación Mulleres do Mar de Arousa e concedido á armadora e expatrona maior da confraría boirense de Cabo de Cruz, Raquel Souto Miguens.

“Hoxe recoñécese máis que o traballo dunha muller; recoñécese a todo o sector feminino do mar”, dixo a conselleira, quen eloxiou o labor de Raquel Souto, “que demostrou unha boa xestión, compañeirismo e valentía”.

Con este recoñecemento, o colectivo pretende homenaxear ás mulleres que achegan traballo, esforzo, experiencia ou coñecementos ao sector.

Raquel Souto dirixiu o pósito entre 2014 e 2018, e é unha das escasas mulleres que practican o marisqueo á boia, unha modalidade maioritariamente masculina.

Ó acto asistiron tamén a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o alcalde, José Ramón Romero; a presidenta da citada asociación, Dolores Gómez; e os patróns maiores de Cabo de Cruz, (Manuel Pérez), Rianxo (Miguel Ángel Iglesias), Ribeira (José Antonio Pérez) e A Pobra (Enrique Maceiras), así como compañeiras, familiares e amigos da homenaxeada.

Susana Silva, que foi vicepatrona maior con Souto, dixo que “collemos unha confraría que era un barco fundido, en números roxos e sen vixiantes. O primeiro que fixo Raquel foi empezar a buscar financiación. Era o primeiro paso dun longo e difícil camiño. Era unha época na que había nas praias máis furtivos que mariscadoras. Collían marisco ó noso carón e botábannos das praias. Raquel saía a vixiar de noite, soa”.

Engadiu que a homenaxeada “logrou moitas cousas, como os pantaláns da 3ª lista”.