Promoven o patrimonio dos camiños do mar de Muros-Noia a Santiago

Camiño Xacobeo
Suso Souto
a bordo. Iago Fernández, esquerda, José Manuel Ramos, Alba Quintela, Óscar Fuertes e Nava Castro. Foto: O.F.

OUTES. O histórico balandro Joaquín Vieta percorreu este sábado as rías de Arousa e Muros-Noia no marco do proxecto Traslatio: o patrimonio marítimo dos camiños do mar a Santiago, que se impulsa desde o programa O Teu Xacobeo e que conta cun orzamento autonómico de 17.000 €. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou no Freixo (Outes) a necesidade de coñecer este patrimonio marítimo do litoral galego, “porque o que non se coñece non se pode defender nin promocionar adecuadamente”. O obxectivo é elaborar un documento que recolla a información e as conclusións ás que chegue unha equipa que, liderada por un experto en patrimonio marítimo, trata de identificar e analizar todos os vestixios construídos da industria tradicional dos oficios de mar en Outes, Noia, O Son, Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo e Dodro. O proxecto inclúe outras actividades para a promoción deste patrimonio a través da elaboración dunha peza documental coas imaxes recollidas no traballo de campo, así como unha xornada de relatorios. Nava Castro estivo acompañada do director do proxecto, Óscar Fuertes; da tenente de alcalde de Outes, Alba Quintela; e do concelleiro de Cultura, José Manuel Ramos, entre outras persoas. S. S.