POSTA EN VALOR. Está na Lista Vermella de Hispania Nostra xunto coas de Valga e Catoira // Consérvanse muros perimetrais, forno, vivenda, embarcadoiro e eira // O rexedor vai localizar ó dono e encargar un estudo do custo da actuación TEXTO S. S.

Rianxo pretende limpar, sinalizar e divulgar a telleira de Quintáns

Patrimonio
Suso Souto
Vista parcial do estado actual das instalacións da antiga telleira de Quintáns, en Rianxo. Foto: Hispania Nostra

O pasado 21 de xullo, a asociación Hispania Nostra (delegación española da Unesco que vela pola protección e posta en valor do patrimonio cultural) incluíu na súa temida Lista Vermella a antiga telleira de Quintáns (sita no municipio de Rianxo), un elemento singular do noso patrimonio industrial situada ós pés do río Ulla, e moi preto doutras tres construcións similares que tamén figuran no citado listado dende a mesma data: as de Padín e Roeiro (en Valga) e a das Rañas (en Catoira).

A rianxeira está no lugar de Agro de Telleira, entre Quintáns e A Vacariza. O seu fundador foi Joaquín Rial Blanco, e foi transmitida de xeración en xeración na súa familia.

Os seus descendentes xestionárona ata que foi arrendada a José María Francisco, de A Guarda, quen logo traballaría tamén as telleiras antes citadas de Roeiro e das Rañas, que tiñan fornos de maior capacidade. O barro procedía principalmente de Dena e era mesturado para facer os ladrillos con barro rico en esquisto extraído dunha barreira nun monte veciño, onde aínda existen covas das que se sacaba.

O forno é rectangular con caleira aberta ao río Ulla. Tiña unha casa para os telleiros e un embarcadoiro de pedra onde antigamente había dous barqueiros cun turno semanal cada un. Producíase tella grande e normal. Na actualidade consérvanse os muros perimetrais. O forno e a vivenda dos telleiros, así como o embarcadoiro e a eira permanecen.

E, dado que se trata dunha construción de titularidade privada, o Concello de Rianxo non pode actuar nela para recuperala, como desexaría o goberno local. Con todo, o alcalde, Adolfo Muíños, informou a este xornal da súa intención de tentar localizar ós actuais donos e de “encargar unha pequena memoria sobre a telleira para valorar os custes dunha limpeza e da súa sinalización”.

En canto ó estado actual das outras telleiras da zona, a de Padín conserva os muros perimetrais, a edificación principal, o forno, a eira e o embarcadoiro; a de Roeiro, os muros perimetrais, o forno (o único circular da zona), as ruínas da vivenda dos telleiros, a eira e o embarcadoiro; e a das Rañas, muros perimetrais, forno, embarcadoiro, ruínas da vivienda dos telleiros e a eira.

A Lista Vermella recolle aqueles elementos do patrimonio cultural español que se encontran sometidos a risco de desaparición, destrución ou alteración esencial dos seus valores, co obxecto de dalos a coñecer e lograr a súa consolidación ou restauración. Nela foi incluído tamén o Pazo de Goiáns, en Boiro. Neste caso, foi o concelleiro de ICB, Manuel Velo, quen o propiciou coa súa denuncia ante Hispania Nostra o día 23 de abril do pasado ano.

Precisamente o Concello boirense está levando a cabo na actualidade unha profunda restauración desta histórica construción do século XVI. A actuación está xa moi avanzada e estes días estanse a instalar as vigas de madeira para colocar a cuberta. As obras non só se centran na rehabilitación da parte da vivienda, senón que tamén afectan á torre.

Será entón cando o Concello boirense solicite incluír o citado pazo na Lista Verde, na que figuran os bens retirados da Vermella ó desaparecer o risco que presentaban tras ser obxecto dunha intervención.

areadecompostela@elcorreogallego.es