Únense O Son e Ribeira para a formación de albaneis de urbanización

Capacitaranse durante un ano nun ámbito con gran demanda de man de obra cualificada
Formación
Suso Souto
Alumnos do obradoiro de emprego Serra do Barbanza, no acto inaugural. Foto: C.R.

Ribeira. Doce mozos e catro mozas de entre 18 e 29 anos acaban de iniciar a súa andadura no obradoiro de emprego Serra do Barbanza, unha iniciativa compartida polos municipios de Ribeira e O Son na que o alumnado se formará durante un ano nas especialidades de pavimentación e albanelaría de urbanización, recibindo un salario.

O acto de apertura tivo lugar no centro cultural Lustres Rivas e contou coa participación do alcalde ribeirense Manuel Ruiz e do concelleiro Ramón Doval, e do rexedor sonense Luis Oujo e o edil Manel Deán. Ambos mandatarios significaron a oportunidade de inserción no mundo laboral que supón este obradoiro, e máis aínda nun sector que conta con gran demanda de emprego.

Os traballos que levarán a cabo durante a súa aprendizaxe repercutirán en beneficio da comunidade en ambos concellos. Neste senso, Ruiz Rivas manifestou que está previsto a través do obradoiro a construción de beirarrúas na contorna do colexio Pé do Corniño, na parroquia de Carreira, actuar na rúa Alexandre Bóveda e, se chegan os permisos necesarios, intervir tamén en Salmón (na localidade de Oleiros).

Pola súa parte, Luis Oujo avanzou que se traballará en eliminar barreiras arquitectónicas para favorecer a accesibilidade, en sintonía cun compromiso que o Concello sonense ten con Cogami.

Finalmente, o director do citado obradoiro, Juan Manuel Pazos, incidiu na gran demanda de traballadores existente neste sector. s. s.