Apoio á difusión da tradición oleira e ao ecomuseo de Buño

Deputación e Concello renovan a colaboración para promover actividades no Forno do Forte
Patrimonio
Manuel Lavandeira
Valentín González, segundo pola esquerda, e Walter Pardo, terceiro, asinando o convenio de colaboración nas dependencias da Deputación coruñesa. Foto: Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña financiará con 70.000 euros a xestión do Ecomuseo Forno do Forte, de Buño (Malpica de Bergantiños), coa fin de seguir promovendo, como se vén facendo desde o ano 2006, actividades culturais que contribúan a dinamizar a tradición artesá da olería.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde malpicán, Walter Pardo, asinaron este xoves o convenio de colaboración para 2021, nun acto no que tamén participaron o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luis Penas, e a concelleira Leticia Varela.

Ao igual que nos acordos de anos precedentes, o Concello de Malpica comprometeuse a encargarse da organización das visitas e das actividades, así como á conservación e mantemento das instalacións do Forno do Forte. Do mesmo xeito, deberá fomentar o estudo e a investigación sobre a olería local de Buño, en colaboración coas diversas agrupacións e asociacións culturais.

Ambas as dúas administracións veñen colaborando desde hai catorce anos na xestión do ecomuseo co obxectivo de promover actividades divulgativas sobre a grande tradición oleira e as novas formas de produción cerámica.

González Formoso asegura que o Forno do Forte e a tradición oleira de Buño “son dous dos activos culturais máis importantes de Malpica”, e incide na transcendencia da “conservación activa” do patrimonio de toda a provincia coruñesa a través da súa rede museística.

O ecomuseo é un conxunto formado por antigas casas de familias oleiras, que acollía as súas vivendas e tamén os talleres, fornos, alpendres e hórreos. Foi rehabilitado no ano 1999 pola Deputación.

O seu obxectivo principal é amosar ao público a tecnoloxía e como era a vida tradicional dos oleiros de Buño. Ofrece tamén ao visitante a oportunidade de vivir a experiencia de traballar cun torno e crear unha peza de barro.

O horario de atención ao público é de martes a domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00. Os luns está pechado.