Aprobada a expropiación da carballeira de San Fins de Montemaior

O Concello da Laracha ten proxectadas varias actuacións para poñer en valor o espazo
Patrimonio
Manuel Lavandeira
Patricia Bello, esquerda, Jesús Souto e o alcalde, José Manuel López, na carballeira de San Fins de Montemaior. Foto: Concello da Laracha

Carballo. A Xunta de Goberno Local da Laracha aprobou o proxecto de expropiación das fincas que albergan a carballeira de San Fins, na parroquia de Montemaior.

Está previsto un investimento de 72.620,81 euros por parte do Concello para adquirir unha superficie de 21.716 metros cadrados repartidos en doce parcelas catastrais clasificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal como solo rústico de protección natural polo sistema de espazos libres. A taxación foi realizada mediante a capitalización da renda anual da explotación segundo o seu estado.

O acordo da Xunta de Goberno Local será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará un mes en exposición pública. Así mesmo, notificarase aos propietarios e abrirase o período de alegacións ao xustiprezo.

Unha vez completado o procedemento de compra dos terreos, o Concello ten proxectadas unha serie de actuacións dirixidas a poñelos en valor econatural e evitar o deterioro da carballeira de San Fins, un ámbito de especial riqueza ao albergar árbores autóctonas –principalmente, carballos e castiñeiros–, nalgúns casos centenarias. O dobre obxectivo último é conservar o patrimonio natural municipal e habilitar neste espazo unha nova área de ocio e esparexemento tanto para disfrute da cidadanía como para aumentar o potencial turístico local.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Patricia Bello, visitaron a carballeira para coñecer o seu estado. M. L.