Esta asociación, nada en Carballo, actúa hoxe en día nas comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes // Diversos e completos programas durante o ano inclúen actividades para os seus sesenta socios // Destaca o proxecto da Escola Ambiental para os máis pequenos

Marea de propostas para defender o patrimonio ambiental e cultural da man de Senda Nova

Medio Ambiente
Lorena Rey
Varios nenos e nenas realizando diferentes tarefas no Día da árbore. Foto: Senda Nova / Arquivo.

A Asociación Senda Nova está integrada por un grupo de voluntarios e voluntarias, preto de 60 socios, que teñen como obxectivos principais a protección e posta en valor do patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico das comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes. “Eu comecei a facer a labor de diseñar roteiros de senderismo que implicaban que se percorreran diversos puntos de interese”, di José Manuel Menéndez, presidente da entidade. Isto foron os seus inicios alá polo ano 2006. Por aquel momento, os seus membros propuxéronse transitar estes espazos como mínimo unha vez ao ano para que se lle dese certo recoñecemento ao traballo de investigación previo. Co paso dos anos foise avanzando e actualmente hai un total de 16 roteiros deseñados e cada un ten preto de vinte puntos estratéxicos de interpretación para o coñecemento.

Senda Nova actúa no rural e a maiores defínese como unha asociación ambiental. As actividades que se levan a cabo non son exclusivamente de carácter ecoloxista e medioambiental, senón tamén culturais. As diferentes paradas que se fan nos roteiros son para contemplar o patrimonio castrexo, megalítico e relixioso, ademais doutros elementos como son os bosques e ríos.

PROXECTOS. Neste apartado diferéncianse dous proxectos que engloban aos roteiros. No “Outono en marcha” hai nove e en “Primavera en ruta”, son once, que derivan en dezaseis actividades anuais. Proximamente iniciarase o “Inverno Ancestral, que é moi coñecido na zona por difundir a figura do Apalpador. A través deste persoaxe “transmitimos a mensaxe de reutilizar e sérvenos de exemplo de persoa que vive no bosque e é amante da natureza e dos animais”. Este programa lévano ata as escolas e ofréceselle aos máis pequenos/as.

Por outra parte, ao ir realizando múltiples rutas os voluntarios foron coñecendo xente maior das aldeas da contorna que na actualidade se dedican a realizar faladoiros de diferentes temas –escola, franquismo, bailes e festas– nos centros sociais. Trátase dunha iniciativa que leva actualmente percorridas 30 parroquias é que recibe o nome de Historias de Inverno.

Segundo nos conta José Manuel Menéndez, o proxecto que cobra especial interese está centrado na Escola Ambiental, dirixida a nenas e nenos de entre 3º a 6º de primaria, aos cales se pretende achegar o patrimonio cultural, ecolóxico e paisaxístico da súa contorna máis cercana. O obradoiro soe prolongarse durante os nove meses do curso escolar. “O propósito é achegarnos a eses nenos e nenas que eran os seus avós fai moitos anos e inculcarlles o amor polo máis cercano”, afirma. As actividades pertinentes lévanse a cabo no espazo de natureza de Oza, unha antiga escola rural que pechou fai tempo e que dende Senda Nova acondicionaron para poder utilizar. Un lugar amplo do que dispoñen dende fai cinco anos.

CAMBIOS NESTES MÁIS DE 10 ANOS DE EXISTENCIA. No ano 2006, as persoas voluntarias xuntáronse como colectivo e comezaron realizando exclusivamente unha ruta cada dous meses. Agora, á programación de actividades abertas ao público creceu notablemente, chegando a sobrepasar as 100 no 2019. “A entidade non medrou excesivamente en persoal organizativo pero si en persoal colaborativo e participativo”, destaca o presidente. A nivel equipamento tamén se avanzou. “Recordo que o primeiro que compramos foi un telescopio no 2008, ano no que nos constituímos como asociación”, manifesta. Na actualidade teñen dous vehículos, un amplo equipamento óptico, invernadoiro, biblioteca, material para as saídas (esteiras, tendas de campaña, carpas), etc. Para a adquisición de todo o mencionado dispoñen unicamente dos ingresos das cuotas dos socios, das propias actividades si o resultado é positivo, e das subvencións.

CONCIENCIACIÓN SOBRE O MEDIO AMBIENTE. Existe o debate de si a sociedade está mentalizada da importancia que supón protexer o medioambiente. “A concienciación non é só non tirar papeis ao chan ou ir facer unha limpeza de praias unha vez ano ano. Consiste en loitar e ser activista contra as desfeitas que se fan na nosa contorna”, considera. Neste sentido, dende a Asociación Senda Nova non buscan levar a cabo unha acción concreta, senón unha serie de actividades continuadas e diarias e proxectos cun perfil temporal.