O IES Alfredo Brañas acollerá no seu 50 aniversario unha mostra do legado do Fillo Predilecto de Carballo

O alcalde e o concelleiro de Cultura fixeron entrega do material, que será cedido temporalmente ao instituto
Patrimonio
Manuel Lavandeira
Marcos Trigo, esquerda, Evencio Ferrero e Mónica Mariño, no IES Alfredo Brañas. Foto: Concello de Carballo

Coincidindo co seu cincuenta aniversario, o IES Alfredo Brañas, de Carballo, terá a oportunidade de expoñer unha parte do legado doado polos descendentes do carballés máis ilustre ao Concello. En resposta á petición realizada dende centro educativo, hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, fixeron entrega do material á directora, Mónica Mariño.

A cesión temporal inclúe varios libros, entre eles unha primeira edición de El Regionalismo dedicado por Alfredo Brañas a súa nai; un exemplar de Bálsamo de fierabrás que asinou para el Enrique Labarta Pose, ou outro de A campana d’Anllóns que lle dedicou Eduardo Pondal. Na exposición que organizará o IES tamén poderán verse cartas manuscritas enviadas por Alfredo Brañas a súa nai entre os anos 1874 e 1899, o seu título de Derecho civil y canónico (1881), partituras do seu Himno Galego e de Aire gallego, a árbore xenealóxica, algunhas fotografías familiares e de actos póstumos, recortes de prensa, un plano da obra de ampliación da súa casa natal no ano 1955 ou o título orixinal de Fillo Predilecto que lle outorgou o Concello de Carballo no ano 2000, entre outros.

Ademais de todo o material legado ao Concello pola familia de Alfredo Brañas, a exposición incluirá tamén o busto do escritor modelado pola artista carballesa Isa Fernández e un cadro do pintor local Miguel Anxo Calvo, O’Mighelo.

A directora do IES Alfredo Brañas agradeceu a cesión temporal desta mostra do legado do autor, que servirá para completar e complementar os actos conmemorativos do cincuenta aniversario do centro de secundaria decano da comarca. Pola súa banda, o alcalde e o concelleiro de Cultura agradeceron o interese do equipo directivo por seguir difundindo a figura, a obra e agora tamén o legado do autor carballés.