Obrigado peche do Melga pontecesán coa entrada das novas restricións en Galicia

Non acollerá visitas dende onte ata o 17 de febreiro // O programa da TVG, “Malicia Noticias” emitirá o domingo unha reportaxe sobre o museo
Museos
Lorena Rey
O cámara, Marcos Portela gravando onte a Ricardo Verdes para a reportaxe do Malicia Noticias. Foto: MELGA.

Ponteceso. A virulencia da terceira onda da pandemia en Galicia levou a que a Xunta e o comité clínico que o asesora tomaran a decisión de incrementar a intensidade das restricións para frear a escalada da curva epidemiolóxica e reducir a presión hospitalaria en todas as áreas sanitarias. Deste xeito, dende este mércores 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro, como mínimo, Galicia pasa a estar no nivel extremo de restricións. Unha das medidas a aplicar é o peche de bibliotecas e museos xunto a outros espazos relacionados coa cultura como son os teatros, cines ou escolas de música. Isto afecta ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) situ en Ponteceso que pechará as portas a todas as visitas como mínimo durante esas tres semanas.

O director do Melga, Ricardo Verdes y Pérez lamenta enormemente as molestias que se poidan ocasionar a todos os posibles visitantes. “ A nosa saúde e seguridade é o prioritario nestes momentos tan difíciles marcados pola COVID”, manifesta.

GRAVACIÓN DUNHA REPORTAXE PARA A TVG. Para despedir o mes de xaneiro tras o seu obrigado peche, o MELGA tivo a ocasión de converterse onte nun estudio de televisión. María Blanco, xornalista do programa “Malicia Noticias” xunto ao cámara Marcos Portela achegáronse a Ponteceso para coñecer o que esconde o museo. Tras máis dunha hora de gravación, o programa de actualidade e humor mostrará e analizará os xogos e deportes tradicionais galegos, os xogos modernos, o MELGA, as visitas, os diferentes xogos para cada idade, os xogos estacionais, etc. “Todo iso, en clave desenfadada”, apunta Ricardo.

A reportaxe poderá visionarse na noite do domingo na Televisión de Galicia. “Cremos que será un programa interesante e divertido que vai a entreter moito”, engade.