Rehabilitan e melloran a accesibilidade a Gabenlle

Espazos naturais
Manuel Lavandeira
Rocío López, esquerda, Gonzalo Trenor, José Manuel López, José Ramón Martínez e Jesús Souto durante a visita á area recreativa de Gabenlle, na Laracha. Foto: Xunta de Galicia

A LARACHA. O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José M. López, e varios concelleiros locais, visitou a zona recreativa de Gabenlle para comprobar o resultado das obras de rehabilitación e accesibilidade deste entorno turístico. Unha actuación que contou cunha achega de máis de 28.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para mellorar as infraestruturas turísticas.

Trenor recalcou que con este tipo de axudas “buscamos seguir consolidando a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística. Esta obra é un bo exemplo das iniciativas que saen adiante con estes apoios porque pon en valor o entorno e o fai máis atractivo para os veciños e visitantes”, subliñou. Informou que a Xunta traballa xa na resolución da nova liña de axudas para concellos de menos de 10.000 habitantes, dotada con 3,5 millóns. M. L.