Rememoran a Xesús San Luis Romero cun vídeo sobre a súa vida e obra

Emitirase este sábado na canle 119 de R logo de ser presentado no colexio ao que da nome
Homenaxe
Manuel Lavandeira
O documental foi presentado no CEIP Xesús San Luís Romero, de Carballo. Foto: Concello de Carballo

Carballo. O Concello carballés presentou o primeiro documental sobre a figura de Xesús San Luís Romero, que recolle testemuños, imaxes, literatura, historia e escenarios que permiten facer un percorrido pola vida e pola obra do autor carballés. A película, de case media hora de duración, foi producida por Nós Televisión, e o sábado 17, ás 21.00 horas, emitirase por televisión no 119 de R.

Este venres fíxose unha pre-estrea no CEIP Xesús San Luís Romero, que colaborou activamente na gravación e que protagoniza boa parte da mesma. No acto participou todo o alumnado de primaria, así coma o profesorado, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. A directora do centro, Marisa López, agradeceu as iniciativas do Concello para recuperar a memoria de Xesús San Luís, moi especialmente neste ano do 150 aniversario do nacemento do autor na carballesa rúa da Saúde, e volveu a reivindicar un Día das Letras Galegas para o autor de O fidalgo.

O pasado 9 de setembro celebrouse na rúa da Saúde, ao pé da súa casa natal, un acto de homenaxe e recoñecemento social, con música da Banda Municipal de Gaitas, a lectura dramatizada de varias escenas de O fidalgo a cargo de Alba Bermúdez e Toño Casais, dos datos históricos que ofreceu o cronista Xan Fraga, ou mesmo da imaxe do autor que permanece aínda no escaparate grazas á colaboración do establecemento comercial situado nese baixo. Este documental completa o aniversario. M. L.