Silleda bota man das artes plásticas para amosar a beleza do Camiño

Pintura
Alba Prada
Un momento do acto de inauguración de onte. Foto: C. Silleda

Silleda. Dende onte e ata o vindeiro 17 de maio o centro cultural Vista Alegre de Silleda acollerá a exposición Trasdeza pinta o Camiño, que se poderá ver de luns a venres en horario de tarde. Este proxecto está promovido polo Concello no marco do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Arrancaba cunha primeira fase na que catro centros educativos da vila escollían seis puntos do Camiño para que inmortalizasen os pintores que protagonizan a mostra.

Na segunda púñase en marcha unha xornada de pintura ao vivo na que os artistas creaban as súas obras. Unhas ilustracións que agora poden verse no centro cultural Vista Alegre, e que onte quedaban inauguradas nun acto ao que acudiu tamén o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

A mencionada mostra poderá verse despois na casa da cultura ata o vindeiro 18 de xuño, e logo no mosteiro de Carboeiro ata o día 25. A. P.